Publicador de contidos
Publicador de contidos

Remolcan cara a Camariñas a parte do narcosubmarino da Costa da Morte que está aboiando

Remolcan cara a Camariñas a parte do narcosubmarino da Costa da Morte que está aboiando

Mergulladores dos GEAS que inspeccionaron o interior do somerxible non atopan droga o que confirma as sospeitas de que se realizou unha descarga previa

Equipos da Garda Civil están despregados na zona realizando labores de seguridade e investigación

G24.gal 23/01/2025 10:49 Última actualización 23/01/2025 14:20

O Servizo Marítimo da Garda Civil está a remolcar a parte do narcosubmarino localizado na Costa da Morte que permanece aboiando preto de Camariñas. A Benemérita difundiu este xoves as primeiras imaxes submarinas do traballo dos mergulladores para asegurar eses traballos.

Nesta mañá, pasado o mediodía, comezaron o percorrido cara ao porto de Camariñas, pero informaron de que se realizaría moi amodo para evitar a menor tensión posible.

Imaxes do rescate da embarcación (Garda Civil)

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, explicou que durante está xornada a Garda Civil realizou diferentes intentos para tentar trasladar a proa do batiscafo, que é a parte que está aboiando.

Actualmente, detallou, os efectivos tentan trasladalo "moi amodo" para non romper os cabos que o suxeitan e confirmou que se atopa "máis preto da costa". Ademais, os GEAS mergulláronse para inspeccionar a parte afundida.

Foi o pesqueiro María Cristina, de Laxe, o que este mércores á mañá "localizou un pequeno semisomerxible" e a Garda Civil puxo en marcha un operativo para investigalo, segundo detallou a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas.

A embarcación, de 15 metros de eslora, é similar a "outros somerxibles que se detectaron na costa de Galicia para o transporte de droga".

Os mergulladores non atopan nada no interior

Todo apunta a que foi abandonado para afundirse despois de cumprir o seu propósito. De feito, os mergulladores non atoparon nada no interior do somerxible, polo que o máis probable é que se fixera esa descarga e o intentasen afundir despois.

Emilio Rodríguez, inspector xefe do GRECO en Galicia, contaba este mércores que "en principio, parece que está baleiro, feito que significa que a descarga xa se produciu. É un sinal máis do estado da situación respecto ao narcotráfico".

Veciños de Muxía aseguran que na madrugada do martes foise a luz. Unha manobra habitual cando se produce unha descarga para non seren vistos. Un dos indicios máis evidentes da descarga son as marcas de pneumáticos de tractores e pisadas na praia dos Muíños en Muxía.

Supostamente a droga foi transportada en lancha desde o batiscafo ata esta praia e alí os braceiros terían cargado a droga nos tractores. As investigacións céntranse agora en descubrir o destino da droga e que clan está detrás deste alixo.

Mentres, os equipos da Garda Civil están despregados na zona realizando labores de seguridade e investigación, co obxectivo de garantir o control da área e avanzar nas indagacións relacionadas con este tema.

As autoridades solicitan á cidadanía que respecte o perímetro de seguridade establecido e que se manteña informada unicamente a través das canles oficiais. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade