A Xunta modificará a normativa para recadar o imposto de grandes fortunas

O cambio farase a través dunha emenda que o PP presentará á lei de acompañamento dos orzamentos do ano que vén

G24.gal 17/11/2023 20:11

A Xunta tamén anunciou, do mesmo xeito que a Comunidad de Madrid, que vai modificar a súa normativa para poder recadar por parte da Facenda galega o imposto das grandes fortunas estatal, avalado o pasado martes polo Tribunal Constitucional.

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, informou, nunha rolda de prensa convocada de maneira urxente no Parlamento, que o obxectivo é que "o diñeiro que ía recadar a Administración central" por este imposto creado polo Goberno, que varias comunidades do PP recorreron ante o Constitucional, "quede en Galicia" e sirva para financiar os servizos públicos.

Segundo explicou, tratarase dun mecanismo de carácter "temporal" que se estará en vigor mentres siga vixente o imposto estatal, mentres que reafirmou que a Xunta, pola súa banda, manterá a bonificación que estableceu do 50 % ao imposto de patrimonio na comunidade.

O cambio lexislativo levarase a cabo a través dunha emenda presentada polo PPdeG á lei de medidas de acompañamento dos orzamentos do ano que vén, que inician o luns a súa tramitación no pleno para entrar en vigor o 1 de xaneiro; polo que xunto a Corgos, compareceu o portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos.

Corgos indicou que o mecanismo que articulará a Xunta é "moi sinxelo" e consiste en que "aqueles suxeitos pasivos do imposto sobre as grandes fortunas non paguen ese imposto porque pasan a tributar por todo o seu patrimonio na comunidade autónoma", co que esa contía que pagarían polo tributo estatal "pásase a pagar en Galicia".

Así, asegurou que van pagar o mesmo pero, en lugar da a facenda estatal, á autonómica. Ademais, considerou que non ten por que ser causa de litixio co Estado, xa que se o Constitucional "deu visos de constitucionalidade á invasión de competencias autonómicas" e a modificar o imposto de patrimonio, non ve que agora "lle pareza mal" que a comunidade o faga ao "contrario".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade