Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os funcionarios da Xunta cobrarán antes de finais de ano a compensación pola suba do IPC

Os funcionarios da Xunta cobrarán antes de finais de ano a compensación pola suba do IPC

O conselleiro de Facenda anuncia na Radio Galega unha lei galega para transpoñer a normativa estatal sobre revalorización salarial dos funcionarios

Miguel Corgos asegura que a política social é o "grande obxectivo" dos Orzamentos da Xunta para 2023

Cualifica de "mellorable" a política fiscal do Goberno central e bota en falta rebaixas fiscais temporais

Funcionarios da Xunta traballan en San Caetano/ Santiago de Compostela
G24.gal 23/10/2022 10:50 Última actualización 23/10/2022 22:20

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, confirma na Radio Galega que os funcionarios e o persoal da Administración autonómica galega cobrarán, antes de final de ano, a paga correspondente para compensar a suba do IPC. Isto é, a suba do 1,5 por cento a maiores do que acordaron o Goberno central e mais os sindicatos para este ano. Segundo explicou nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana, antes hai que aprobar unha lei para traspoñer a normativa estatal á galega, que se fará pola vía da lectura única no Parlamento para axilizar o proceso.

"Agora nós temos que traspoñela á nosa normativa interna. Como non existe a figura do Real Decreto na comunidade autónoma, teremos que aprobar unha lei que posiblemente sexa de lectura única para aprobar o máis axiña posible este incremento. Posiblemente intentaremos que sexa no mes de novembro e aplicala antes de que remate o ano". 

O que non dá por seguro, de momento, é que se volva á xornada laboral de 35 horas semanais para os funcionarios galegos. Miguel Corgos interpreta que, á luz da norma estatal, este é un asunto que debe negociarse no seo da Administración autonómica. Ao tempo, Corgos afeoulle ao Goberno central non consultar ás administracións afectadas antes de decidir sobre este tipo de asuntos. Canto aos procesos de estabilización, Miguel Corgos asegura que a previsión é que as convocatorias se publiquen este ano e que os procesos estean rematados "no primeiro semestre do ano que vén".

Orzamentos Xunta-Estado

O conselleiro de Facenda defende as contas autonómicas para o 2023 ao asegurar que o "grande obxectivo é a política social". Segundo Corgos, estes orzamentos autonómicos seguen a liña de "apoiar de forma focalizada os que máis o precisan"

Pola contra, Miguel Corgos aponlles aos Presupostos Xerais do Estado descoidar a necesidade de investimento. En concreto, di que hai "políticas de gasto que non medran case nada ou mesmo baixan" e aí fai fincapé en materias coma a agricultura, a pesca e mesmo a eficiencia enerxética. 

O conselleiro de Facenda tamén considera "mellorable" a política fiscal do Goberno central. Na súa opinión, "podería arbitrar máis recursos para rebaixas fiscais temporais" que non teñen que consolidarse a longo prazo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade