A Xunta prevé adxudicar o último treito da nova autovía Nadela-Sarria o ano que vén
A Xunta prevé adxudicar o último treito da nova autovía Nadela-Sarria o ano que vén
Acaba de sacar a información pública as obras deste segundo e último treito da nova autovía AG-22, os 13 quilómetros e medio que unen Nadela coa Pobra de San Xiao, en Láncara
A Xunta prevé ter licitadas e adxudicadas as obras do último treito da autovía Lugo-Sarria antes da fin do próximo ano. Avanzouno este mércores o xefe do Goberno galego, Alfonso Rueda, nunha visita ao Corredor Nadela-Sarria ao seu paso polo concello do Páramo.
Hai ano e medio desdobrábase en vía de dous carrís a metade do Corredor Lugo- Sarria, polo que circulan cada día unha media de 8.000 vehículos, máis do dez por cento pesados. Agora, a Xunta acaba de sacar a información pública as obras deste segundo e último treito da nova autovía AG-22, os 13 quilómetros e medio que unen Nadela coa Pobra de San Xiao, en Láncara.
Alfonso Rueda asegurou o compromiso do seu goberno coa vertebración interior de Galicia e avanzou que a previsión é "rematar o 2025 coas obras licitadas e se é posible adxudicadas". No novo treito investiranse 35 millóns de euros. A Xunta agarda comezar as obras no 2026.