A Xunta prevé un anteproxecto de lei de administración local para antes do verán
A Xunta prevé un anteproxecto de lei de administración local para antes do verán
Abordará asuntos como o papel das Deputacións e as motivacións para variar a planta local na comunidade
A Xunta prevé ter antes do verán o anteproxecto de lei de administración local de Galicia, un texto co que se abordará de forma "valente" asuntos importantes, como o papel das Deputacións e as motivacións para variar, sen obrigar os municipios, a planta local na comunidade autónoma.
Deste feito falou o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes Diego Calvo durante a presentación do VI Informe da Rede Localis, en que estivo acompañado pola directora xeral de Administración Local Natalia Prieto e os codirectores deste organismo Alberto Vaquero e Concepción Ramos.
Calvo advertiu que esta lei, que posteriormente se tramitará no Parlamento, non vai solucionar todos os problemas se o resto de administracións, a central, principalmente, non fai os cambios necesarios.
"Non esperamos que todos estean de acordo en todo connosco, pero si que teñan ganas de chegar a acordos", dixo Calvo.
Segundo o conselleiro, é preciso reformar o financiamento local á vez que o autonómico e que se teña en conta, no caso e Galicia, o impacto da dispersión e o envellecemento no custo efectivo dos servizos.
Concepción Ramos, codirectora de Rede Localis, explicou que tras máis dunha década de revisión da administración local no conxunto de España pode concluírse non soamente que segue "inconclusa", o cal é evidente, senón que ademais foi "errada".
"Os municipios seguen tendo que prestar os mesmos ou máis servizos que en 2013 e continúan cos mesmos problemas", principalmente, a falta de financiamento.
Na súa opinión, non se trata tanto da titularidade da administración, senón da coordinación e a colaboración entre elas para prestala e que estea financiada adecuadamente, xa que ningunha renuncia a prestar servizos, senón que demanda os orzamentos xustos para poder facelo.