Gilsanz celebra a fichaxe de Eddahchouri: "É un futbolista diferente"
Gilsanz celebra a fichaxe de Eddahchouri: "É un futbolista diferente"
O técnico do Deportivo confía na chegada de máis reforzos aínda que non poida “adiantar” nomes
Óscar Gilsanz, adestrador do RC Deportivo, avalou este venres a fichaxe do dianteiro neerlandés Zakaria Eddahchouri, un futbolista que, ao seu xuízo, pode achegar “outras cousas” ao equipo branquiazul.
“É un xogador que vén axudarnos e a complementar as condicións dos nosos atacantes. É un futbolista diferente, que nos achegará outras cousas porque ten capacidade para asociarse, para ir ao espazo e facer gol. A secretaría técnica vén seguíndoo desde hai tempo e, finalmente, púidose pechar a súa incorporación”, afirmou.
O técnico deportivista destacou os “bos números” que asinou o atacante co Telstar na Segunda División de País Baixos, onde fixo 17 goles e 2 asistencias en 23 encontros.
“Cando aparece un xogador novo, todo o mundo vai analizar os seus números do pasado. Os seus números son bos, propios dun xogador novo que aínda pode mellorar, pero o fútbol é presente” avisou na súa comparecencia ante os xornalistas.
Por iso, Gilsanz ten claro que deben “acelerar” o seu proceso de adaptación para que estea dispoñible canto antes e o seu rendemento sexa “inminente” porque o necesitan nesta segunda volta do campionato.
“É un xogador novo, con capacidade para facer goles, creo que é unha boa incorporación”, insistiu o adestrador do Dépor, que confía na chegada de máis reforzos aínda que non poida “adiantar” nomes.