Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno aprobará proximamente un decreto con entregas a conta ás comunidades autónomas

O Goberno aprobará proximamente un decreto con entregas a conta ás comunidades autónomas

 Bolaños insta o PP a votar a favor dese decreto para non volver prexudicar os cidadáns "co seu rumbo desnortado"

A Xunta confía en "non perder" os 700 millóns de euros que lle corresponden a Galicia polo atraso das entregas a conta
 

Arquivo / Jesús Hellín / Europa Press
G24.gal 31/01/2025 12:27

O ministro da Presidencia Félix Bolaños avanzou este venres que o Goberno traballa para aprobar nas próximas semanas un decreto "cun paquete económico potente" que incluirá as entregas a conta ás comunidades autónomas e pediu ao PP que o apoie.

Coincidindo co consello informal de ministros de Xustiza da Unión Europea (UE) que se celebra en Varsovia, Bolaños instou o PP a votar a favor dese decreto para non volver prexudicar "co seu rumbo algo desnortado" os cidadáns e as rexións, tal e como fixo, dixo, cando rexeitou o primeiro decreto ómnibus.

O ministro lembrou que as entregas a conta supoñen un financiamento adecuado das comunidades autónomas, da sanidade e da educación públicas, e criticou o "rumbo algo desnortado" do PP. "Igual vota que si, igual vota que non. O señor Feijóo non ten un criterio que sexa fácil de comprender para beneficiar ou prexudicar os cidadáns", sinalou.

Bolaños recalcou que, cando o PP no Congreso rexeitou o decreto lei ómbibus, o que fixo foi prexudicar o conxunto da cidadanía: pensionistas, usuarios do transporte público, empresas... E tamén prexudicou as comunidades autónomas, moitas delas gobernadas polo propio PP.

A secretaria xeral do PP, Cuca Gamarra, insiste en que o PP "non cambiou de opinión": "Viña un ómnibus e pasou a ser un minibús", indicou nunha entrevista en RNE.

Gamarra explicou que o Partido Popular cumpre a súa palabra: "Pedimos que se partise o decreto ómnibus, e partiuse". Con todo, critica a estratexia de Goberno de "coller como escudos un colectivo da sociedade" para sacar adiante os seus decretos. 

Calvo confía en "non perder nada" polo atraso das entregas a conta

O conselleiro de Presidencia Diego Calvo espera que Galicia non perda nada polo atraso nas entregas a conta derivado do rexeitamento do PP, Junts e Vox ao decreto ómnibus, que incluía, entre outras, esta medida. 

Esta entrega non se incluíu nun novo decreto, que si que contará co apoio de Junts e tamén do PP, segundo anunciaron, polo que as comunidades autónomas agardan por estas cantidades, que no caso de Galicia supoñerán uns 700 millóns de euros. 

Segundo Calvo, esta medida decaeu porque o Goberno non a incluíu no novo decreto, polo que será o Executivo quen deba explicalo, dixo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade