A Xunta quere impulsar a minería onde aínda hai recursos
A Xunta quere impulsar a minería onde aínda hai recursos
Defende que é importante para o tecido social e industrial
Valga leva anos inmersa na rehabilitación para o ocio dos veciños da contorna das súas antigas minas de arxila.
Esta semana a Xunta acordou un convenio de colaboración co Concello para axudalo economicamente a valar a lagoa da mina de Porto Piñeiro.
"É un convenio por valor de 370.000 euros. O concello achega unha cifra próxima aos 70.000 euros e o resto achégao a Xunta a través da Consellería de Economía e Industria", explicou a conselleira María Jesús Lorenzana.
A intención de Valga é crear no futuro zonas de baño, espazos recreativos e deportivos e mesmo algúns aloxamentos. Pero a partida que se dispón agora é para terminar de pechar e arranxar o perímetro do que foi a mina.
"O perímetro desta mina ten 1.240 metros. Nós temos agora feitos 300 metros, o que vén sendo un 20 ou 25% da actuación que se quere facer aquí", indicou o primeiro tenente de alcalde de Valga, Román Castro.
A conselleira de Economía e Industria resaltou a importancia de recuperar os espazos mineiros esgotados e aproveitou tamén para defender a activación da minería onde aínda hai recursos.
"Proximamente sairán adiante os primeiros concursos de dereitos mineiros que estaban caducados porque entendemos que é fundamental que a riqueza natural que ten a nosa comunidade autónoma se converta en riqueza social", indicou Lorenzana.
María Jesús Lorenzana puntualizou que agora Galicia ten máis de 3.600 persoas empregadas directa ou indirectamente na minería e dixo que as materias primas da maior parte das industrias saen das nosas minas.