A Xunta reclama xulgados especializados en violencia de xénero nas catro provincias
A Xunta reclama xulgados especializados en violencia de xénero nas catro provincias
No primeiro trimestre deste ano presentáronse 1.742 denuncias por violencia machista
Hai máis de 5.100 persoas no sistema de seguimento integral para a violencia de xénero en Galicia, 695 menores
O número de denuncias por violencia machista e o de vítimas segue aumentando. En Galicia os xulgados rexistraron o ano pasado 7.483 denuncias por violencia de xénero e no primeiro trimestre deste ano 1.724: unha media de 19 por día. Nas últimas semanas a repunta de mulleres asasinadas elevou a cifra de vítimas en España a 26.
Segundo os datos do Consello Xeral do Poder Xudicial, en Galicia no primeiro trimestre deste ano presentáronse 1.724 denuncias por violencia machista. Nos xuízos celebrados nese período de tempo máis do 80 % dos denunciados foron condenados.
Desde a Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero do goberno galego insisten en que é preciso que estas denuncias vaian amparadas cunha cobertura das necesidades fundamentais da vítima, a nivel económico, asistencial e de atención psicolóxica.
"A dúbida hai que disipala, e como se disipa? Cando está amparada por un sistema administrativo e de prestación que a acompaña. Moitas veces as mulleres din que non teñen cartos, e que van facer despois de denunciar. Neses casos hai que dicirlles que a Xunta ten unha prestación económica da que vai ser beneficiaria durante uns meses", asegura o director xeral de loita contra a violencia de xénero, Roberto Barba.
Segundo o Ministerio de Igualdade, Galicia tiña con data do 31 de maio, máis de 5.100 casos de vítimas no sistema de seguimento integral para a violencia de xénero, con 695 menores en situación de vulnerabilidade e risco.
Ante o aumento das denuncias a Xunta insiste en reclamar máis xulgados especializados, que neste momento só existen na Coruña e Vigo.
"O que permitiría sería acelerar moitos dos procedementos e crearíase a conciencia de que o procedemento dura moito menos, que é o que queren as vítimas", insiste Barba.
Antes de finais deste ano está previsto que funcionen en catro hospitais galegos e un Punto de Atención Continuada os centros de crise 24 horas para a atención das vítimas, onde traballarán terapeutas, traballadores sociais, psicólogos e xuristas especializados en violencia sexual e de xénero.