A Xunta reclama revisar o acordo con Audasa polo seu "enriquecemento inxusto"
A Xunta reclama revisar o acordo con Audasa polo seu "enriquecemento inxusto"
Debe ser abordado polo Executivo central "con máis rigor, máis seriedade e máis transparencia"
Nos seus corenta e catro anos de vida os usuarios deixaron nas cabinas máis de 3.450 millóns de euros
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, instou o Goberno para revisar os acordos coa concesionaria Audasa, a concesionaria da AP-9, xa que considera acreditado que houbo un "enriquecemento inxusto" co incremento das peaxes nos últimos anos.
Vázquez lembrou, ante a postura do Goberno de rexeitar rescatar a concesión desta autoestrada vixente ata 2048, que a Xunta trasladou varios informes ao Estado sobre o "incremento extraordinario e desmesurado das peaxes".
Son informes de organismos independentes "onde se acredita un enriquecemento inxusto, acredítase que son acordos nulos de pleno dereito e que incitan ás posibles axudas de Estado", explicou.
Por iso, solicitou que o Goberno "escoite e atenda" as peticións da Xunta en relación coa AP-9 porque eses acordos son "un negocio redondo para Audasa, pero son ruinosos para os galegos".
Vázquez reiterou a súa petición ao Goberno de España para que "vele polo interese xeral" e, nese sentido, "debe de revisar eses acordos", insistiu, porque iso supón "revisar os beneficios da concesionaria e velar polo interese xeral".
Algo que considera necesario en "un asunto de tanto calado e de tanta importancia como é a AP-9 para Galicia", que cre que debe ser abordado polo Executivo central "con máis rigor, máis seriedade e máis transparencia".
Besteiro replicalle á Xunta: "Os galegos pagan menos na AP-9 grazas ao Goberno"
O delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, saíu ao paso das declaracións da conselleira Ethel Vázquez, e sinalou que se os galegos pagan menos nas peaxes é grazas ao actual Executivo estatal.
Besteiro remarcou que probablemente se o anterior Goberno central, encabezado por Mariano Rajoy, “tomase decisións como bonificar a AP-9, agora estariamos a falar de máis cousas”.
Con todo, foi o de Pedro Sánchez o primeiro en Executivo en aplicar bonificacións que repercuten no que “máis lle interesa á xente e é que paga menos”.
Neste sentido, lembrou que parte destes descontos puxéronse en marcha en base aos orzamentos xerais do Estado.
Ao seu parecer, tamén grazas ao Executivo estatal está a tramitarse “por primeira vez” a transferencia da autoestrada a Galicia, xa que antes “o Goberno do PP non o permitía”.
“Puido facerse antes, pero parece que a outros gobernos doutro signo non lles interesaba”, rematou o delegado do Goberno.