A Xunta pide en Bruxelas "seguridade xurídica" para tramitar parques eólicos
A Xunta pide en Bruxelas "seguridade xurídica" para tramitar parques eólicos
Ángeles Vázquez reuniuse esta mañá con representantes xurídicos da Comisión Europea, aos que lles trasladou a súa preocupación pola parada eólica
A conselleira de Medio Ambiente reclamoulles hoxe en Bruxelas ás autoridades comunitarias "seguridade xurídica" á hora de tramitar os parques eólicos en Galicia. Ángeles Vázquez asegurou que a "marea de parálises" de ata 60 parques eólicos por parte da xustiza autonómica está creando unha situación delicada, non só desde o punto de vista xurídico, tamén desde a perspectiva industrial e económica.
"Non ten sentido que o TSXG poña en dúbida unha transposición dunha directiva europea de 2013. Non podemos ser máis transparentes, damos toda a participación pública necesaria e non acabamos de entender que aconteceu nos últimos anos", asegurou a conselleira á saída da reunión co director xeral do Servizo Xurídico da Comisión Europea, Daniel Calleja.
A conselleira di que foi unha xuntanza moi produtiva e que Europa avala a decisión de Galicia. "Queremos cumprir os obxectivos que marcamos, que é pasar de ser a cuarta a ser a primeira comunidade autónoma en enerxía verde, en descarbonización, tendo en conta o eido medioambiental pero afondando en algo fundamental que están pedindo todos os Estados membros, que é a simplificación", explicou.
Vázquez asegurou que as tres organizacións que están recorrrendo á xustiza autonómica para paralizar os parques non fixeron ningunha achega á consulta pública sobre unha nova lei de simplificación administrativa ambiental.
A conselleira tamén se vai reunir co director de Biodiversidade da Comisión, co director de Transición Verde e co representante permanente de España ante a Unión Europea.