A Xunta unificará nun portal web todas as xestións entre a administración e a cidadanía
A Xunta unificará nun portal web todas as xestións entre a administración e a cidadanía
Neste lugar, os usuarios atoparán toda a información relativa a eles, independentemente do departamento ou da unidade con que os xestione e poderán actualizar os seus datos unha soa vez
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, anunciou este luns a posta en marcha dun portal de datos que concentrará toda a información sobre a cidadanía e as súas relacións coa administración nun único punto mediante tecnoloxías intelixentes para simplificar o acceso a toda a Administración dixital e facilitar servizos adaptados ás necesidades de cada persoa, se así o autorizan.
Esta iniciativa terá un orzamento de cinco millóns de euros e busca facilitar aos galegos as súas xestións en liña coa administración simplificando o acceso aos servizos dixitais desde un único punto e mais as consultas sobre o estado dos trámites ou a modificación dos seus datos.
Con este obxectivo, o cartafol cidadán da sede electrónica evolucionará para converterse no punto de acceso a todos os trámites dos cidadáns coa Administración e o lugar en que atoparán toda a información relativa a eles, independentemente do departamento ou da unidade con que os xestione.
Deste xeito, os cidadáns poderán realizar actualizacións dos seus datos unha soa vez e evitar ter que comunicalo a diferentes departamentos.
O contrato, que conta con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea-NextgenerationEU, licitarase nos próximos días cun valor estimado de 5.005.044 euros e a previsión é que as primeiras funcións da nova plataforma estean en funcionamento "no segundo semestre de 2025", indicou Calvo.
A administración dixital
Calvo destacou o uso que os galegos fan da administración dixital e sinalou que o sistema de identificación mediante Chave365 está a ser utilizado "por máis de 1,5 millóns de persoas", mentres máis de 9.000 persoas recorreron ao Rexistro Electrónico Xeneral de Apoderamentos de Galicia (REAG) para autorizar alguén a facer no seu nome os trámites administrativos.
En total, o rexistro electrónico recibiu en 2023 preto de 1,5 millóns de solicitudes, escritos ou comunicacións de parte de preto de medio millón de persoas distintas, o cal indica que "o 86 % das solicitudes que se presentan no rexistro xa se fan de forma telemática", apuntou.
A través da sede electrónica realizáronse máis de 63.000 pagos de taxas asociados á presentación de trámites.