Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta urxe o Goberno a concretar axudas para Stellantis Vigo

A Xunta urxe o Goberno a concretar axudas para Stellantis Vigo

O vicepresidente primeiro da Xunta pide que da xuntanza entre o Goberno central, o galego e o grupo automobilístico saian solucións para Stellantis Vigo

Francisco Conde insta o Goberno a axilizar a tramitación dos 13 parques eólicos vinculados a proxectos industriais

Conde considera incompatible que Reyes Maroto continúe como ministra de Industria ao tempo que se postula á alcaldía de Madrid

G24.gal 20/11/2022 10:10 Última actualización 20/11/2022 11:09

O vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, urxe o Goberno a concretar o luns -na reunión a tres bandas que está prevista- as axudas para Stellantis Vigo.

Nunha entrevista na Radio Galega, no Galicia por diante fin de semana, Conde admite risco de deslocalización da produción do grupo automobilístico se non hai solucións concretas que lle permitan acceder a fondos. 

Segundo argumentou, "un fabricante como Stellantis tan só ten adxudicados nestes momentos para a planta de Vigo 5 millóns de euros para un investimento de máis de 600 millóns de euros. Levamos dous meses esperando pola convocatoria desta reunión, nós esperamos que mañá o Goberno achegue solucións e polo tanto concrete realmente como se vai establecer a posibilidade de que Stellantis poida acceder a estes fondos".

O vicepresidente Conde asegura que serviría "unha segunda convocatoria do PERTE sempre e cando se adapte aos proxectos que teñen os fabricantes" ou servirían "outras convocatorias", porque, na súa opinión, "non é un problema de fondos", senón que "é un problema de como se poden identificar as diferentes liñas que poden permitir que Stellantis desenvolva os seus investimentos e poida acceder ás axudas".

"Esperamos que mañá poidamos saír desa reunión con respostas e con certezas. Se non é así, estaremos máis preto dunha deslocalización que dunha resposta".  

Proxecto eólicos

O vicepresidente primeiro da Xunta tamén lle pide ao Goberno central a maior "axilidade posible" na tramitación dos trece parques eólicos vinculados a proxectos industriais galegos. Na súa opinión, "é unha decisión política" que non se flexibilicen os prazos establecidos e de feito considera que o Goberno se "autolimita". En todo caso, Conde recoñece "preocupación" porque "o Goberno leva tempo buscando escusas".

Reyes Maroto, ou ministra ou candidata

Francisco Conde non agocha o seu descontento coa xestión da ministra de Industria, Reyes Maroto, no que atinxe aos fondos europeos de recuperación e os proxectos galegos. Fala de "incapacidade" e considera que está "en campaña electoral", ao ser preguntado pola decisión de Maroto de se postular ás primarias do PSOE para ser candidata á alcaldía de Madrid. Para Conde, Maroto debería escoller "ou Madrid ou España, ou Madrid ou a industria do noso país".

Bonos Activa Comercio

O conselleiro de Economía e Industria tamén cifrou en 5 millóns de euros o montante mobilizado ata o momento coa nova edición dos Bonos Activa Comercio, que se poden empregar ata o 31 de decembro nos 6.200 establecementos de comercio pequeno adheridos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade