Inadmitida a querela de Pedro Sánchez contra o xuíz Peinado por prevaricación
Inadmitida a querela de Pedro Sánchez contra o xuíz Peinado por prevaricación
O TSXM, que tomou a decisión por unanimidade, ve motivos de "carácter especulativo"na querela e considera "extravagante" que o presidente do Goberno utilice á Avogacía para formulala
O Goberno, sorpendido dalgunhas manifestacións "inusuais" e "innecesarias " para a motivación do auto
Feijóo: "O prexuízo á Fiscalía e á Avogacía do Estado alcanza xa cotas históricas"
O Tribunal Superior de Xustiza de Madrid (TSXM) rexeitou por unanimidade estudar a querela que presentou a Avogacía do Estado, en representación do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, por un presunto delito de prevaricación contra o xuíz Juan Carlos Peinado, que instrúe a causa contra Begoña Gómez.
O TSXM non ve motivos para investigar se este maxistrado prevaricou ao citar como testemuña a Pedro Sánchez na Moncloa o pasado 30 de xullo, e afirma que "dado o carácter especulativo en que se basea a querela e o prexuízo que destila", conclúese que obedece a un "intento de terxiversar o fin lícito que implica o tipo delituoso que se imputa ao querelado".
O auto, cuxo relator é o maxistrado Francisco José Goyena, é crítico coa postura da Avogacía do Estado e afirma que "concibir como un ataque innecesario á actuación do Goberno a citación en calidade de testemuña do seu presidente nunha causa penal carece da máis elemental xustificación". E considera "extravagante" que Pedro Sánchez utilice á Avogacía para formular a querela.
Aínda que a decisión de rexeitar a querela é unánime dos tres maxistrados, un deles, Jesús María Santos, emitiu un voto particular no que considera que a querela entraña un "exercicio abusivo do dereito a querelarse", fala de "mala fe" procesual, e carga contra a Avogacía do Estado polo "despropósito da súa querela" e "o carácter exorbitante e contrario á boa fe procesual".
A Sala lembra o proceso e afirma que a querela da Avogacía só adxunta a providencia do 19 de xullo na que se citaba a Pedro Sánchez, a cédula de citación e a misiva que enviou o xefe do Executivo ao xulgado, e pon de relevo que "sería oportuno, tendo en conta da transcendente finalidade anunciada pola Avogacía do Estado, que se achegaron os demais documentos". "Non cabe dúbida de que a Avogacía do Estado ten cabal coñecemento das resolucións que non se achegaron", engade.
Afirman que non se pode concluír que o presidente só poida testificar por escrito ao tratarse de feitos que coñeza polo seu cargo, como defendía a querela, senón que pode facelo no seu despacho ou domicilio ao tratarse de feitos que non coñece polo cargo, como di o artigo 412.3 da Lei de Axuizamento Criminal. E tampouco aprecian o prexuízo á institución do Goberno do que fala a querela.
Tampouco ven os xuíces delito na decisión do xuíz de dar ás partes a gravación da "non declaración" de Pedro Sánchez, xa que entra dentro "da práctica xudicial normalizada" e non vulnera os dereitos do afectado, e de feito pode ser unha garantía. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso de súplica ante o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid.
O TSXM ten agora pendente pronunciarse sobre a admisión a trámite da querela que interpuxo Begoña Gómez contra o que xuíz Juan Carlos Peinado por presunta prevaricación, sobre a que a Fiscalía recentemente pronunciouse en contra.
O Goberno, sorprendido polos inusuais argumentos para rexeitar a querela
O Goberno respecta a decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid de rexeitar a querela, pero discrepa da súa argumentación e sorpréndese dalgunhas manifestacións "inusuais" e "innecesarias" para a motivación do auto.
Subliña o Executivo que a querela se interpuxo en defensa da institución da Presidencia do Goberno e respecta a decisión do TSXM, pero discrepa dos seus razoamentos xurídicos e da súa argumentación.
Tamén asegura que sorprenden algunhas manifestacións "inusuais e innecesarias" para a motivación xurídica do auto, máxime cando a Presidencia do Goberno e a Avogacía do Estado recalca que só pretenden preservar a garantía do exercicio dun dereito que corresponde á institución e ver se a súa vulneración podería constituír un ilícito penal.
Lembran ademais que na querela xa se advertía sobre o verdadeiro fin de chamar a declarar de forma presencial ao presidente do Goberno: converter esa declaración nun instrumento para prexudicar politicamente ao Executivo instrumentalizando un procedemento xudicial. Esa sospeita, asegúrase desde o Goberno, "lamentablemente, revelouse certa".
Así, explica que o mesmo día que o xuíz enviou ás acusacións particulares (que lembra que son diversas organizacións ultradereitistas, fundamentalistas e antivacinas) a declaración, esta foi filtrada a numerosos medios de comunicación.
Feijóo ve "inasumible" para Sánchez a inadmisión da querela contra o xuíz
O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que a inadmisión da querela é "inasumible" para o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, ao que ve "nun punto de non retorno".
"O prexuízo á Fiscalía e á Avogacía do Estado alcanza xa cotas históricas. Este auto é inasumible para un presidente e proba que está nun punto de non retorno", asegurou o líder popular.
Feijóo engadiu que "custará moito reparar o dano do Goberno ás institucións", pero matizou que o PP o fará.