A zona cero do despoboamento en Galicia frea a baixada demográfica tras a pandemia
A zona cero do despoboamento en Galicia frea a baixada demográfica tras a pandemia
Nas provincias de Ourense e de Lugo, tamén nas de Soria e Zamora, danse as densidades de poboación máis baixas do continente europeo
Chandrexa de Queixa e Larouco, dous dos seis concellos galegos con menos de 500 habitantes, comezan a gañar poboación
Hai concellos en Galicia, como Chandrexa de Queixa e Vilariño de Conso, que non chegan nin aos tres habitantes por quilómetro cadrado -cifras de densidade de poboación similares ás que teñen nas zonas Árticas de Suecia e Filandia- e moi poucos veciños resisten alí xa para evitar o baleirado total.
Entre eses pequenos municipios que levan décadas en declive, Chandrexa e Larouco supoñen unha esperanza porque nos últimos meses comezaron a sumar habitantes, reverter a tendencia e incrementar o padrón.
"Aquí decido quedar. Aquí cubríanse todas as necesidades miñas e da miña familia, entón para que cambiar de lugar se o tiña todo aquí. Outro lugar non ía atopar mellor que Queixa e a miña terra e traballar cos meus veciños", di Isabel Fernández, que rexenta o restaurante Cardiego de Chandrexa.
En Queixa, menos de cincocentos habitantes resisten nunha vastísima extensión de más de 170 quilómetros cadrados.
"Moitos dos que estamos aquí seguimos aquí porque somos a remuda xeracional. Facemos isto porque nos gusta e porque somos un pouco tolos, porque isto cada vez é máis difícil", engade Lucía Martínez, da gandería Galupa de Bozqueimado (Chandrexa).
En Larouco, como en Chandrexa, o censo de habitantes, que levaba décadas caendo, deu a sorpresa despois da pandemia. Suman novos veciños, entre outras razóns, polo cambio de sentido dos fluxos migratorios: emigrantes que retornan e persoas da cidade que agora buscan unha vida máis tranquila nas zonas rurais.
Os novos e os vellos veciños e, sobre todo, a casa niño acabaron por cambiar o son ambiente neste diminuto concello de Valdeorras.
"Temos o hospital a 22 quilómetros, no Barco, estamos moi ben situados, pero, vaia, somos vitivinícolas por excelencia. O rural non pode ser a extensión dunha capital nin se pode vivir coma nunha capital. No rural hai que vivir da terra", relata Patricia Lamela, alcaldesa de Larouco.
"Ultimamente vese que se está vindo xente para aquí, de feito aumentou o padrón desde a pandemia. Eu creo que a xente quere espazos abertos no medio na natureza, e eu creo que isto vai traer casas de turismo rural, negocios de hostalería, e de xente nova que se incorpora en explotacións gandeiras", conta Isabel Fernández, que rexenta o restaurante Cardiego de Chandrexa.
"É moi complicado poder montar unha explotación porque ten uns custos, a pesar de que hai axudas, hai demasiada burocracia e papelame. Entón falamos moito da despoboación, pero eu creo que había que crear programas piloto para que a xente vise o que se pode facer e axudar doutros xeitos. Nos concellos do rural creo que todos carecemos de técnicos que nos asesoren ben", reclama Francisco Rodríguez, alcalde de Chandrexa.
"A día de hoxe, se queres ser coñecido, teste que visibilizar, e nós tiramos de redes sociais e así a xente de Madrid, de Santiago e da Coruña pode ver o noso traballo e pode adquirir o noso produto. En canto a desvantaxes, creo que temos uns accesos malos, o que provoca que, por exemplo, unha urxencia sanitaria... é tempo, e ás veces o tempo salva vidas", explica Lucía Martínez, da gandería Galupa de Bozqueimado (Chandrexa).
Os veciños falan de servizos sanitarios e sociais como dereito, pero tamén como oportunidade. De feito, a apertura da residencia de maiores explica en boa medida a suba de habitantes en Chandrexa. É unha residencia de 77 prazas e creou 32 postos de traballo.
Frear o envellecemento, ocupar o territorio de xeito racional, e crear igualdade de oportunidades nas zonas rurais, son algúns dos principais retos que marca a Unión Europea para os próximos anos.