Aumenta ata o 3,1 % o risco de que o asteroide 2024 YRK impacte coa Terra en 2032
Neste momento a posibilidade de colisión é baixa, pero sitúase nun nivel de "atención por parte dos astrónomos"
Está clasificado no nivel 3 na escala de risco de impacto de Turín, que vai do 0 ao 10

Novas observacións do asteroide descuberto o 27 de decembro pasado indican que a probabilidade de que impacte coa Terra aumentou ata un 3,1 por cento, segundo os datos da NASA.
No momento do achado, os sistemas automatizados de alerta de asteroides determinaron que o obxecto, de 55 metros de diámetro, tiña unha probabilidade moi pequena de impactar potencialmente coa Terra.
Pasou do 1,2 ao 2,3, despois baixou ao 2 por cento e agora esa probabilidade sitúase no 3,1 %, segundo a actualización do Centro de Estudos de Obxectos Próximos á Terra (CNEOS) da NASA.
No caso de impactar, o risco afectaría unha banda da superficie terrestre que se estende ao longo do Océano Pacífico oriental, o norte de América do Sur, o Océano Atlántico, África, o Mar Arábigo e o sur de Asia, segundo o International Asteroid Warning Network (IAWN).
As observacións en curso continuarán mentres o asteroide aínda sexa visible, ata abril. Despois desa data, será demasiado débil para observalo ata xuño de 2028.
Desde a Axencia Espacial Europea (ESA), cifran a probabilidade de que choque contra a Terra nun 2,8 %, a maior rexistrada para un corpo superior a 30 metros, ademais de ser o que maior tempo tivo unha probabilidade de impacto superior ao 1 %.
O coordinador do servizo de información da Oficina de Defensa Planetaria da ESA, Juan Luis Cano, indica que o aumento de probabilidade de impacto é un resultado esperado a medida que os expertos seguen mellorando o seu coñecemento da órbita do asteroide.
"Ao ter máis datos sobre a traxectoria, a incerteza diminúe, o que fai que, polo menos temporalmente, aumente o risco" e pódese esperar que "aumente nos próximos días aos poucos", explica Cano.
A medida que se precisa onde se situará exactamente 2024 YR4 o 22 de decembro de 2032, data prevista para o hipotético impacto, a Terra ocupa unha fracción maior da cada vez máis reducida rexión de incerteza. A probabilidade de impacto pode seguir aumentando, antes de caer rapidamente a 0, cando a Terra xa non se atope dentro desta rexión de incerteza.
Cano fai fincapé en que hai un 97 % de probabilidade de que o asteroide non impacte na Terra: "Non hai que estar preocupados, segue sendo unha chamada de alerta para nós como investigadores para que sigamos pendentes dese obxecto o máximo posible".
Desde a ESA explican que o asteroide 2024 YR4, agora está clasificado no nivel 3 na escala de risco de impacto de Turín, que vai do 0 ao 10; sendo o 0 unha posibilidade case nula, o 5 unha "ameaza seria" e o 10 unha colisión segura de impacto. O nivel actual implica que merece atención por parte dos astrónomos.
Cano explica que a diferenza de cifras (2,8 % da ESA e 3,1 % da NASA) débese a que ambas as axencias traballan con ferramentas de software desenvoltas con técnicas diferentes, polo que "é natural que non obteña exactamente o mesmo resultado". En todo caso, agrega, os expertos están en contacto constante, "celébranse teleconferencias todas as semanas, crúzanse os resultados e valídanse para asegurarnos de que son coherentes", remarca.