Dous buques oceanográficos galegos e un murciano fan historia ao coincidir en augas antárticas
É a primeira vez que tres barcos de investigación españois visitan xuntos a Antártida
Son o Sarmiento de Gamboa e o Odón de Buen, con orixe no porto de Vigo, e o Hespérides, procedente de Alxeciras
![Tres buques oceanográficos españois coinciden por primeira vez en aguas antárticas. MICIU](https://www.g24.gal/prog24/2025/20250212/tres_buques_oceanograficos_espanois_coinciden_primeira_vez_augas_antarticas.jpg)
Os buques oceanográficos galegos, Sarmiento de Gamboa e Odón de Buen, xunto co cartaxinés Hespérides fixeron historia ao coincidir en augas antárticas. É a primeira vez que tres barcos de investigación españois visitan o continente branco.
Os tres navegaron xuntos moi preto da Base Antártica Española Gabriel de Castilla, situada na illa Decepción (Arquipélago das illas Shetland do Sur), segundo informou o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
A ministra de Ciencia, Innovación e Universidades, Diana Morant, cualificou esta imaxe de "histórica" á vez que expresaba o seu "orgullo polas enormes capacidades científicas do noso país".
Ambas as dúas embarcacións galegas comparten unha orixe común no porto de Vigo. O asteleiro Freire Shipyard foi o lugar de nacemento do Sarmiento de Gamboa, mentres que o Odón de Buen, en funcionamento desde o 2024, foi construído por Armón Vigo.
O Buque de Investigación Oceanográfica (BIO) Hespérides, que xestiona a Armada Española, e o Buque Oceanográfico Sarmiento de Gamboa, que opera a Unidade de Tecnoloxía Mariña (UTM) do Consello Superior de Investigacións Científicas, forman parte do mapa español de Infraestruturas Científicas e Tecnolóxicas Singulares (ICTS) e apoian ao Ministerio na XXXVIII Campaña de Investigación Antártica Española, baixo a coordinación do Comité Polar Español.
Ademais, o buque Odón de Buen do Instituto Español de Oceanografía (IEOCSIC), que é o maior barco oceanográfico da frota española e o máis avanzado de todo o país, realiza distintas probas de xeo, xa que é o único buque español con clasificación polar (PC7) que lle permite navegar tanto na Antártida como no Ártico cunha cobertura de xeo anual.
Este novo buque permitirá aos investigadores españois avanzar no coñecemento dos océanos e abordar os grandes desafíos ambientais do noso tempo. Cunha eslora de 84,3 metros e capacidade para 58 persoas, conta coa última tecnoloxía para operar en calquera punto do globo e explorar as profundidades mariñas ata os 6.000 metros.