Publicador de contidos
Publicador de contidos

Abascal reúnese con Trump nos Estados Unidos na gran convención da dereita

Abascal reúnese con Trump nos Estados Unidos na gran convención da dereita

O líder de Vox acudiu á Conferencia de Acción Política Conservadora, onde coincidiu con Javier Milei e o fillo de Jair Bolsonaro

Trump felicitou a Abascal polo "pogreso" que lograra á fronte de Vox en España

O líder de Vox xunto a Donald Trump, nunha foto feita tras a súa reunión (Twtitter @santi_abascal) O líder de Vox xunto a Donald Trump, nunha foto feita tras a súa reunión (Twtitter @santi_abascal)
G24.gal 24/02/2024 21:48 Última actualización 24/02/2024 22:18

O líder de Vox, Santiago Abascal, reuniuse este sábado con Donald Trump, favorito para ser o candidato republicano nas eleccións presidenciais dos Estados Unidos, ao longo da gran convención anual da dereita estadounidense.

O equipo de Abascal informou sobre o encontro, que tivo unha duración duns 15 minutos, no cal ambos líderes analizaron algunhas ideas que comparten.

En concreto, falaron sobre "o fortalecemento das fronteiras fronte á inmigración ilegal", "a soberanía das nacións fronte ao globalismo" e "a protección da familia e a vida fronte á ideoloxía de xénero e a cultura woke", termo que a dereita usa de xeito despectivo contra os movementos progresistas.

Ambos os líderes tamén conversaron sobre "a prosperidade das clases medias fronte á ditadura climática", así como tamén sobre o seu "firme compromiso polo investimento en Defensa", detalla o comunicado.

Este encontro produciuse no hotel Gaylord, situado na localidade de National Harbor, en Maryland, e tamén nos arredores de Washington D.C., onde tivo lugar dende o mércores ata este sábado a convención anual da dereita estadounidense, coñecida como Conferencia de Acción Política Conservadora, CPAC en inglés.

O equipo de Abascal enviou á prensa unha foto na que se ve ao líder de Vox, riseiro, xunto a Trump. Ambos aparecen de pé e co polgar da man dereita cara arriba, en sinal de aprobación.

Tras o encontro, Trump dirixiuse ao escenario para pronunciar o seu agardado discurso no que se presentou a si mesmo como un "orgulloso disidente político", e quixo afianzar a súa posición como candidato do partido para as eleccións de novembro, nas que se volverá enfrontar co actual presidente estadounidense, o demócrata Joe Biden.

Nas primeiras filas fronte a Trump, estaban o propio Abascal e outras personalidades, como o presidente arxentino Javier Milei, e o fillo do expresidente brasileiro Jair Bolsonaro, Eduardo Bolsonaro.

O exmandatario estadounidense comezou saudando, un a un, a eses líderes. Sobre Abascal, Trump dixo que estaba encantado de coñecelo e felicitouno polo "progreso" que lograra á fronte de Vox en España.

“Progresaron moito e será o número dous e o número uno moi pronto. Parece que iso é o que estou a ler”, apuntou sobre Vox, a pesar de que o partido obtivo nas eleccións xerais de 2023 só o 2,38 % dos votos, 33 escanos, 19 menos que en 2019.

O propio Abascal deu o pasado venres un discurso na CPAC no que abrazou o eslogan de Trump "Make America Great Again" (Facer Estados Unidos grande de novo) e afirmou que a súa loita é por "facer a España grande de novo". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade