Isabel II, soterrada en Windsor tras un último adeus multitudinario
Isabel II, soterrada en Windsor tras un último adeus multitudinario
Os máis próximos á familia real británica asistiron ao enterro
800 convidados despediron a raíña nunha cerimonia na capela de San Xurxo
A abadía de Westminster acolleu de mañá o funeral de Estado
Os restos mortais da raíña Isabel II foron soterrados este luns na cripta real da capela de San Xurxo, no castelo de Windsor. O féretro da monarca colocouse xunto ao do seu esposo na capela memorial do rei Xurxo VI.
Os membros máis próximos da familia real británica asistiron a unha cerimonia a porta pechada na que deron o seu último adeus á soberana.
Con anterioridade, un servizo relixioso despediu na tarde deste luns a Isabel II na capela de San Xurxo, no castelo de Windsor.
Ao acto asistiron 800 convidados, moitos deles membros de casas reais.
Tras retirarse a coroa imperial, o orbe e o cetro, símbolos do reinado e poder de Isabel II, o cadaleito entrou na cripta ao son do queixume dun gaiteiro escocés.
Ás 20:30, Isabel II foi enterrada xunto aos restos do seu esposo na cripta da capela, nunha cerimonia xa de carácter totalmente privado.
Funeral de Estado
Tres horas antes do servizo fúnebre abrían as portas da abadía de Westminster para recibir os dous mil convidados ao funeral de Estado. Máis de 500 mandatarios e cabezas de monarquías de todo o mundo agardaban para darlle o último adeus á raíña Isabel II.
Os reis de España Filipe VI e Letizia, sentados canda a Xoán Carlos I e a raíña Sofía, e xunto con máis de 500 xefes de Estado e mandatarios globais, acudiron á cerimonia relixiosa.
Con puntualidade británica e no máis rigoroso silencio, o féretro da monarca saía da sede do Parlamento, onde se instalara a capela ardente, para dirixirse á abadía de Westminster.
O traslado fíxose sobre un carro cerimonial de artillería. O mesmo que xa trasladara os restos da raíña Victoria e do rei Xurxo VI, pai de Isabel II. Tras del marcharon o rei Carlos III, seus irmáns e seus fillos.
O féretro portaba o orbe, o cetro e a coroa imperial. E un ramo de flores cunha dedicatoria do rei Carlos á súa nai.
Cando entrou na abadía, a raíña consorte e o resto da familia real incorporáronse á comitiva para escoltar os restos de Isabel II ata o altar maior de Westminster, o mesmo lugar onde fora coroada en 1953.
Aclaraba a voz o deán para arrancar o acto de despedida da monarca co reinado máis lonxevo da historia británica.
Participaron tamén a secretaria xeral da Commonwealth, Patricia Scotland, e Liz Truss, primeira ministra do Reino Unido.
O arcebispo de Canterbury foi o encargado de dar o sermón, no que recordou o carácter persoal da raíña e o impacto que tivo na sociedade británica.
Representantes das diferentes confesións relixiosas presentes no Reino Unido despediron tamén a raíña, cabeza da igrexa anglicana.
O coro interpretou pezas cun especial significado para a raíña, como a que se cantou na súa voda ou unha composta especialmente para a súa coroación.
As cornetas marcaron o inicio de dous minutos de silencio en todo o Reino Unido. Ao remate, o himno nacional e finalmente unha peza de lamento interpretada polo gaiteiro oficial de Isabel II, o que tocaba para ela cada mañá, poñía fin ao servizo fúnebre.
A procesión fúnebre de Isabel II avanzou polo centro de Londres tras o funeral de Estado na abadía de Westminster, que se celebrou con toda a solemnidade e a pompa para honrar a raíña, falecida con 96 anos tras máis de sete décadas no trono do Reino Unido.
A Real Policía Montada de Canadá encabezou a marcha do cortexo fúnebre de Isabel II á saída da abadía de Westminster, ao termo do funeral, de camiño cara ao arco de Wellington, onde os seus restos se transferiron a un coche fúnebre para levala ao castelo de Windsor, nos arredores de Londres.
Carlos III camiñou xunto con outros membros da familia real, mentres que a raíña consorte, Camila, a princesa de Gales, Catarina, e a duquesa de Sussex, Meghan, seguiron o cortexo en coche.
Milleiros de persoas asistiron ao percorrido da procesión, nun ambiente de profundo silencio.