Absolto un condutor que circulou en sentido contrario pola autovía A-8 no Fiouco
Absolto un condutor que circulou en sentido contrario pola autovía A-8 no Fiouco
A sentenza exímeo de condución temeraria e pon o foco na sinalización e no trazado
Ao saír da A-8 no enlace coa N-634, en Abadín, confundiuse pola néboa mesta e volveu entrar na autovía. Isto foi o que alegou a defensa dun home de Corcubión que circulou catro quilómetros en sentido contrario, e a titular do Xulgado do Penal número 1 de Lugo deulle a razón.
A resolución xudicial, que exime o acusado dun delito de condución temeraria, tamén tivo en conta que entre 2017 e 2021 ata 76 condutores obraron do mesmo xeito no mesmo tramo do Fiouco.
Neste sentido, pon o foco no sistema de sinalización do desvío automatizado do tráfico en condicións de baixa visibilidade, posto que recoñece que pode levar a confusión.
A sentenza chega a cuestionar tamén a elección do trazado da propia autovía, que pasa precisamente por onde se adoitan formar bancos de néboa. De feito, hai dez anos, ao pouco de ser inaugurada, rexistrárase un accidente múltiple con 40 vehículos e unha vítima mortal.
Coa colocación de balizas luminosas en 2022, baixou considerablemente o número de horas en que o tramo permaneceu cortado. Aínda así, está prevista a instalación dun sistema de delimitación guiado por láser que faga aínda máis segura a autovía.