Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Tribunal da UE acolle este xoves a vista oral polo recurso contra as restricións á pesca de fondo

O Tribunal da UE acolle este xoves a vista oral polo recurso contra as restricións á pesca de fondo

Este veto afecta de maneira directa 200 embarcacións e indirecta, outras 946 de artes menores

O conselleiro do Mar viaxará ata Luxemburgo para amosar o apoio da Xunta ao sector pesqueiro neste proceso

Un barco palangreiro amarrado en Burela (EFE/ Eliseo Trigo) Un barco palangreiro amarrado en Burela (EFE/ Eliseo Trigo)
G24.gal 03/07/2024 12:12

O Tribunal Xeral da Unión Europea acolle este xoves a vista oral do proceso que abordará o recurso presentado por máis dunha quincena de colectivos, entre elas a Organización de Produtores Pesqueiros de Burela (Lugo), contra as restricións impostas pola Comisión Europea á pesca de fondo. Na práctica supón vetar a captura de especies en augas con profundidades superiores a 1.500 metros. O veto afecta os buques equipados con artes de fondo como redes de arrastre de fondo, dragas, redes de enmalle de fondo, palangres de fondo, nasas e almadrabas.

A Xunta avanza nun comunicado que o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, se desprazará ata Luxemburgo, sede do órgano xudicial, para mostrar o seu apoio neste proceso no que o Goberno galego é coadxuvante dos demandantes dado o "impacto negativo" desta decisión da UE. Estímase que afectará de maneira directa a 200 embarcacións e indirecta a outras 946 de artes menores.

Neste contexto, Villares reivindica o traballo realizado pola Xunta ante o tribunal "rebatendo os puntos de incidencia técnica e científica" alegados pola Comisión e o Parlamento Europeo.

Segundo sostén a Xunta, o palangre demersal para a captura de pescada "non reúne as condicións sinaladas" no regulamento que impuxo este veto, mentres que tampouco figura na clasificación establecida sobre protección dos ecosistemas mariños vulnerables (EMV) de mar aberto fronte aos efectos adversos das artes de fondo.

O conselleiro lembra que a súa postura foi apoiada por organismos científicos como o Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES), organismo que asesora a Comisión, que indicou que esta medida "non ten base científica", recalca Villares; así como outro do Parlamento Europeo en similares termos.

"Lamentamos que a Comisión non realizase informes como a estes previamente a decidir unhas prohibicións arbitrarias e que poñen en risco o futuro de parte da frota e milleiros de empregos, xa que non teñen en conta o impacto socioeconómico", lamenta o conselleiro do Mar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade