Aumenta a venda de ventiladores e climatizadores coa vaga de calor abafante
Aumenta a venda de ventiladores e climatizadores coa vaga de calor abafante
Os aparellos máis solicitados son os clásicos ventiladores, grandes e pequenos, que fan máis e menos ruído respectivamente
Hai demanda tamén de climatizadores, que proporcionan frescura engadindo xeo doméstico
Un sol inclemente baleira as rúas máis expostas. Con temperaturas moi por riba dos 30 graos, a xente acode ás tendas de electrodomésticos na procura dun alivio urxente para este bochorno. "Veño buscar un ventilador porque agora o sol pega na miña ventá e non se pode aguantar". "Xa teño un, pero veño mercar outro para levalo de viaxe", comentan dous clientes.
Nas tendas de elctrodomésticos non dan abasto estes días. "Xa desde principios de semana se notou moita venda de ventiladores e outros aparellos, foi brutal", asegura José Antonio Segade, comercial dunha tenda de electrodomésticos no barrio do Calvario, en Vigo.
Os máis demandados son os clásicos ventiladores de aspas, que só removen o aire. "Hai que saber onde se van colocar, porque os de pé son máis grandes e fan máis ruído. Os pequenos son bos para os dormitorios porque non fan tanto ruído e déixannos durmir", sinala o dependente da tenda.
Se o que queremos é refrescar algo o ambiente, unha opción acaída é a dos climatizadores, aos que se lles pode engadir xeo doméstico en envases que se colocan na parte superior e inferior do aparello. "Co climatizador podes rebaixar nuns dez graos a temepratura dunha sala de 20 metros cadrados", conta José Antonio, que non parou de atender clientela en toda a tarde.