A dieta atlántica pola que aposta Galicia reduce as enfermidades e alonga a vida
A dieta atlántica pola que aposta Galicia reduce as enfermidades e alonga a vida
Á diferenza da dieta mediterránea, a atlántica aumenta o consumo de peixes e verduras como os grelos
É fundamental para controlar a obesidade, que afecta a case o vinte por cento dos nenos
Fronte ás propiedades saudables da dieta mediterránea, de verduras, froitas e peixes acompañados coa excelencia do aceite de oliva, os especialistas hai tempo que veñen apuntando tamén cara á a dieta atlántica, máis común en Galicia e no norte de Portugal. Unha oferta alimentaria protagonizada polos grelos e o repolo, os queixos pero tamén un amplo abano de peixes e mariscos, de preparación sinxela e de orixe local.
"Aqueles compoñentes que son bos para á saúde e para o benestar, que sabemos que melloran o colesterol, a tensión arterial. Ademais, eu diría que non só a dieta, senón o estilo de vida atlántico, con esas pequenas parroquias nosas que fan que teñamos que camiñar e introducir a actividade física. Polo tanto, debemos promover o estilo de vida atlántico", defende Rosaura Leis, doutora en medicina da Universidade de Santiago de Compostela.
A adopción dunha dieta saudable como a atlántica prevén a aparición de enfermidades cardiovasculares e outras doenzas crónicas. Nun país onde o 40 por cento dos nenos presenta sobrepeso e case a metade son obesos, a educación nunha alimentación sa resulta fundamental.
"O neno ten sobrepeso, ten obesidade por unha mala dieta, por falta de actividade física, por un abuso das pantallas. Unha vez máis, imos conseguir poñer en valor os nosos estilos de vida tradicionais que fixeron que os nosos avós cheguen ata hoxe, e para que os nosos nenos vivan tanto e coa calidade de vida que teñen os seus avós", conclúe Rosaura Leis.
Galicia é unha das sociedades máis lonxevas do mundo. Apostar pola dieta atlántica supón un valor seguro.