Nova xornada de calor na conca ourensá do Miño
Nova xornada de calor na conca ourensá do Miño
Este venres subirán outra vez dos 35 graos
A máxima do verán rexistrouse onte en Leiro, con 37'6
O sábado baixan bruscamente as temperaturas
Aínda que os termómetros suban dos 35 graos, a percepción da calor varía dunhas persoas a outras dependendo, por exemplo, do lugar de procedencia.
"Para ser de Madrid como somos nós, isto non é calor". "Pois eu lévoo fatal, pero como hoxe tocaba Ourense, pois hai que aguantar", comentan un turista de Madrid e outro de Bilbao.
A máxima do que levamos de verán rexistrouna unha vez máis Leiro, con 37,6, pero andáronlle cerca todos os concellos da conca do Miño, en Ourense e en Pontevedra.
Hoxe, na metade occidental de Galicia xa está previsto que baixen algo as temperaturas, pero en Ourense seguirán sendo elevadas. Un día máis, cómpre tirar de río, piscinas e enxeño para combater a calor.
"Hai que saír máis cedo, unha camisa máis lixeira, tomar bastante auga...". "Cada un como pode, estar á sombra, meterse no río...", comentan dous veciños de Ourense.
Mañá, a calor xa non será un problema. A máxima prevista en Ourense é de 26 graos, nove menos ca hoxe. Volven tamén as nubes e, incluso, algunha chuvia.