Actualizado o rexistro de parellas de feito en Galicia
Este rexistro pódese facer de forma telemática
Ofrece unha maior funcionalidade e simplicidade tanto para a cidadanía como para o persoal que deba aplicar a norma

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes a modificación do rexistro de parellas de feito de Galicia para facilitar a tramitación e adaptar o texto tanto ás novas tecnoloxías como aos últimos cambios normativos. Apóstase así por unha maior funcionalidade e simplicidade, tanto para a cidadanía como para o persoal que deba aplicar a norma.
Entre as novidades, conforme informou a Xunta nun comunicado, está a posibilidade de que as solicitudes nas distintas fases do procedemento se poidan presentar de maneira telemática. Deste xeito, a inscrición, modificación e cancelación de parellas de feito poderase facer conforme ás leis de procedemento administrativo común e da administración dixital de Galicia.
O Goberno galego destaca que a reforma permitirá darlles resposta ás principais incidencias recollidas nos rexistros que teñen relación coa achega do certificado rexistral de fe de vida e estado, coa acreditación da residencia civil galega e coa falta de fixación temporal do tempo mínimo de convivencia.
Outra das dificultades máis detectadas, conforme indicou a Xunta, está relacionada coa interpretación do artigo 11 do regulamento de parellas de feito de Galicia, que recolle os requisitos comúns das solicitudes de inscrición. As dúbidas céntranse na documentación que se require en cada rexistro para acreditar o cumprimento de todos os requisitos.
Nesta liña, introdúcese unha nova redacción do artigo para determinar a documentación acreditativa de todos os requisitos esixidos que as persoas interesadas deben achegarlle ao rexistro e harmonizar os criterios de interpretación entre os catro rexistros de parellas de feito de Galicia.