Acusan o fillo do presidente de Colombia de enriquecemento ilícito
Acusan o fillo do presidente de Colombia de enriquecemento ilícito
A exmuller do acusado foi a que denunciou o caso
Ela tamén está imputada por un delito de lavado de activos
Un xuíz colombiano imputou este martes os delitos de lavado de activos e enriquecemento ilícito de servidor público a Nicolás Petro Burgos, primoxénito do presidente colombiano, Gustavo Petro, nunha audiencia pública celebrada en Bogotá.
Tamén está imputada a exmuller de Nicolás Petro, Daysuris Vásquez, polos delitos de lavado de activos e violación de datos persoais.
Ningún dos dous aceptou os cargos.
O fillo maior do presidente foi detido o sábado en Barranquilla como parte dunha investigación iniciada en marzo pasado pola Fiscalía logo de que a súa exesposa revelase á prensa que este recibiu diñeiro ilegal para a campaña do seu pai. Ese diñeiro nunca chegou ao seu destino xa que el o utilizou para incrementar o seu patrimonio.
Patrimonio inxustificado
O fiscal acusou a Petro Burgos de "adquirir, investir, ocultar, encubrir e dar aparencia de legalidade" a diñeiro ilícito no marco do delito de lavado de activos, mentres que no de enriquecemento ilícito sinalouno por "obter para si ou para outro" bens e recursos de forma ilegal.
En canto a Vásquez, ademais do lavado de diñeiro imputóuselle un cargo de violación de datos persoais pola "invasión da intimidade de Laura Ojeda", actual parella de Petro Burgos, de quen obtivo "información privilexiada" para saber desde cando o seu agora exmarido "empezou a establecer diálogo e relación" con ela.
"Se vostedes en forma libre, consciente, voluntaria sen présa ou presión deciden aceptar a súa responsabilidade poderán obter unha rebaixa de pena de ata o 50 %", explicou o fiscal.
Para un acordo, segundo o fiscal, Petro tería que reintegrar 1.053.911.056 pesos (uns 263.545 dólares) que non son produto do seu labor como deputado e son un incremento patrimonial inxustificado.
En canto a Vásquez, o fiscal asegurou que "seguirá colaborando coa xustiza e vai informar doutras irregularidades", como de contratos ilícitos, outros bens e diñeiro recibido ilegalmente e máis irregularidades no financiamento de campañas políticas.