Admitidos preto de 59.000 votos por correo para as eleccións do 18F en Galicia
Admitidos preto de 59.000 votos por correo para as eleccións do 18F en Galicia
Un 19,96 % menos que nas anteriores eleccións galegas celebradas en 2020, que marcaron un récord histórico nuns comicios autonómicos en Galicia
Correos admitiu un total de 58.903 votos por correo de cidadáns e cidadás para as eleccións autonómicas ao Parlamento de Galicia que se celebrarán o vindeiro domingo, 18 de febreiro. Un 19,96 % menos que a cifra total de votos admitidos nas anteriores eleccións galegas celebradas o 12 de xullo de 2020 (73.595), durante a pandemia de coviv-19, que marcou récord histórico nuns comicios autonómicos en Galicia. Tamén representan un 36,97 % máis que no proceso celebrado o 25 de setembro de 2016 (43.002).
Por provincias de destino, na Coruña admitíronse 22.725, 8.758 en Lugo, 8.440 en Ourense e 18.980 en Pontevedra.
En total, Correos admitiu 62.831 solicitudes de voto por correo para as eleccións galegas. Os votos emitidos representan o 93,74 % das solicitudes admitidas, unha cifra similar á rexistrada en anteriores procesos electorais autonómicos en Galicia (94,2 % en 2020 e 91,9 % en 2016).
Para a xornada electoral do 18 de febreiro, 2.349 profesionais de Correos, entre persoal de repartición, oficinas e centros de tratamento mobilizaranse para entregar os votos cursados por correo nas mesas electorais.
A sociedade estatal sinala que cando se abran os locais electorais, un primeiro equipo de persoal da empresa postal pública entregará os votos en custodia nas 3.950 mesas electorais distribuídas nos 2.347 locais electorais dos 313 municipios de Galicia. Outro grupo de empregados fará chegar ás mesas electorais aqueles votos por correo que puidesen recibirse durante o transcurso da xornada. Un terceiro equipo recollerá o denominado terceiro sobre, cunha copia do resultado do escrutinio, das mesas electorais de todos e cada un dos colexios electorais de Galicia.