A Fiscalía da Audiencia Nacional abre dilixencias polo atentado de Afganistán
A Fiscalía da Audiencia Nacional abre dilixencias polo atentado de Afganistán
O ministro de Exteriores confirma que van trasladar os corpos dos tres turistas falecidos, un home e dúas mulleres, nai e filla
No ataque tamén morreron tres cidadáns afgás e hai oito persoas feridas, entre elas unha española en estado grave
O Goberno talibán informa da detención de oito persoas relacionadas co ataque que se rexistrou na cidade de Bamiyán
Unha nai e a súa filla de 31 anos, as dúas farmacéuticas, con despachos en Barcelona e en Terrassa, son dúas das mortas en Afganistán, a onde marcharan en viaxe turística o mércores. O terceiro finado, tamén catalán, é un home.
Diplomáticos españois destinados en Paquistán e en Catar foron enviados a Cabul para facilitar a repatriación dos cadáveres e traer cando sexa posible a outra muller, tamén catalá, que quedou ferida moi grave.
"Interviñérona cirurxicamente esta madrugada. Está consciente e estable pero dentro dun estado de moita gravidade polas feridas sufridas por bala. Polo tanto estamos pendentes pero ao mesmo tempo tamén temos esperanza de que saia adiante", explicaba o ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares.
A ferida e os tres finados formaban parte, canda outros dous españois que saíron ilesos, dun grupo de trece turistas de distintas nacionalidades tiroteados mentres visitaban un mercado en Bamiyán, no centro do país.
"Todo apunta a que estamos ante un ataque de corte terrorista ou un atentado, e o obxectivo era este grupo de turistas occidentais", aseguraba José Manuel Albares.
A Generalitat ofreceulles apoio ás familias das vítimas.
"Trasladarlles todas as condolencias e a nosa vontade de estar con eles neste momento tan complexo e doloroso", dicía a responsable de Exteriores da Generalitat, Meritxell Serret i Aleu.
Oito persoas feridas
No tiroteo tamén morreron tres afgáns e quedaron feridas, ademais da muller española, outras sete persoas, entre elas un lituano, un noruegués e un australiano.
De momento, ningunha organización se atribuíu a agresión, pero desde que os talibáns están no poder case todos os ataques foron asumidos polo Estado Islámico.
Investigación
O Goberno de Cabul informou da detención de oito sospeitosos e, en España, a Fiscalía da Audiencia Nacional abriu unha investigación para determinar se foi un acto terrorista e esclarecer as responsabilidades.
España e a maioría da comunidade internacional recomendan desde hai tempo non viaxar a Afganistán pero os talibáns están tratando de promover o turismo. No último ano recibiron 5.000 visitantes estranxeiros.