Publicador de contidos
Publicador de contidos

O funeral de Estado por Isabel II oficiarase o 19 de setembro en Londres

O funeral de Estado por Isabel II oficiarase o 19 de setembro en Londres

Ese luns será xornada festiva en todo o Reino Unido

O Reino Unido chora a Isabel II, mentres recibe e Carlos III

G24.gal 10/09/2022 09:36 Última actualización 10/09/2022 21:14

O Palacio de Buckingham anunciou que o funeral de Estado pola defunta raíña Isabel II oficiarase o vindeiro 19 de setembro na abadía de Westminster en Londres, ás 11:00 da mañá, hora local. 

Ese luns será xornada festiva en todo o Reino Unido, segundo autorizou este mesmo sábado o novo monarca nunha das súas primeiras ordes.

Agárdase a presenza de importantes líderes mundiais, entre eles o presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, e representantes das casas reais.

Antes do funeral, haberá unha capela ardente de catro días en Westminster Hall, o edificio máis antigo do complexo do Parlamento, onde a cidadanía poderá presentar os seus respectos.

Segundo o comunicado co programa previsto para os próximos días, o corpo de Isabel II repousa agora mesmo no salón de baile do castelo de Balmoral.

Este domingo trasladarase por estrada ao palacio de Holyroodhouse, en Edimburgo. Alí permanecerá na sala do Trono ata a tarde do luns, cando se levará en procesión á catedral de Saint Giles, na capital escocesa.

O rei Carlos III e os membros da Familia Real participarán na procesión e nun servizo relixioso na catedral para recibir o féretro, que quedará alí en capela ardente para que a poboación escocesa poida despedirse da soberana.

Traslado en avión

Un día despois, o martes 13, o féretro viaxará desde o aeroporto de Edimburgo nun avión do Exército do Aire (RAF) ata o aeródromo de Northolt, ao oeste de Londres, acompañado pola princesa Ana, filla de Isabel II, e de alí ao Palacio de Buckingham, residencia oficial da familia real, en coche.

O mércores iniciarase o cortexo fúnebre desde o palacio ata Westminster Hall, a área máis antiga do Parlamento. É neste grande espazo onde o féretro permanecerá durante catro días, cuberto co estandarte real e custodiado polos gardas reais, mentres a poboación accede para darlle o último adeus.

Vixilia dos príncipes

Durante os catro días en que Isabel II xacerá en capela ardente "de Estado", por estar no Parlamento, os membros da familia real farán quendas para facer garda xunto ao féretro, unha tradición que leva o nome de "vixilia dos príncipes".

Nos días seguintes, haberá diversos ensaios para o agardado funeral, que se prevé sexa un acontecemento rodeado de pompa, co desfile dos gardas reais e outros rexementos, entre eles os escoceses, que farán soar as súas gaitas.

A próxima fin de semana empezarán a chegar a Londres xefes de Estado, primeiros ministros, presidentes e membros doutras casas reais para o funeral de Estado que Isabel II recibirá na Abadía de Westminster, onde a raíña casou en 1947.

Día do funeral

O día do funeral, o féretro trasladarase nun carro de canón, que mariñeiros tirarán con cordas, no canto de facelo con cabalos.

Por detrás do féretro irán o rei Carlos III, o príncipe de Gales, Guillerme, herdeiro ao trono británico, así como outros membros da familia real, un evento que seguirán por televisión millóns de persoas no Reino Unido e no mundo.

Tras a despedida a Isabel II, os seus restos levaranse á capela de San Xurxo, no castelo de Windsor, nos arredores de Londres, para ser depositados xunto aos dos pais, do home e da irmá.

Programa día por día

11 DE SETEMBRO:

-Sobre a 10:00 hora local (09:00 GMT), o cortexo real co féretro onde repousa Isabel II sae do castelo de Balmoral en dirección á capital de Escocia, Edimburgo. O coche fúnebre parará na próxima localidade de Ballater uns minutos despois para recibir a homenaxe da veciñanza.

-Ás 11:00 (10:00 GMT) o cortexo pasará pola cidade de Aberdeen e unhas tres horas despois por Dundee, para chegar ao palacio de Holyroodhouse, en Edimburgo, ao redor das 16:00 (15:00 GMT). Alí repousará ata o día seguinte, no chamado Salón do Trono.

12 DE SETEMBRO:

-Pola tarde, formarase unha procesión no patio do palacio de Holyroodhouse que acompañará o féretro ata a catedral de Saint Giles, na mesma cidade. O rei Carlos III e membros da Familia Real participarán no cortexo e nun servizo relixioso posterior no templo para recibir os restos mortais.

-Comeza unha capela ardente na catedral para que a poboación escocesa poida despedirse da raíña. A Real Compañía de Arqueiros custodiará o corpo.

13 DE SETEMBRO:

-O féretro sae pola tarde desde o aeroporto de Edimburgo nun avión do Exército do Aire (RAF) ata o aeródromo de Northolt, ao oeste de Londres, acompañado pola princesa Ana, filla de Isabel II.

-Desde alí trasladarase por estrada ata o palacio de Buckingham, onde repousará na sala circular chamada Bow Room, onde a raíña adoitaba ofrecer o xantar aos xefes de Estado que a visitaban.

14 DE SETEMBRO:

-O cadaleito trasladarase en procesión nun carro para transportar canóns da Artillería Montada Real ata o Palacio de Westminster, sede do Parlamento británico, onde se instala unha capela ardente en Westminster Hall (o edificio máis antigo do complexo) durante catro días, ata o funeral de Estado.

-Unha vez que o corpo chegue ao lugar, a través das rúas do centro político da capital, o arcebispo de Canterbury, primado da Igrexa Anglicana, oficiará un servizo relixioso acompañado polo deán de Westminster, David Hoyle, no que estarán presentes o rei e a súa familia.

DO 15 AO 18 DE SETEMBRO:

-Capela ardente "de Estado" da raíña Isabel. Agárdase que milleiros de persoas pasen por Westminster Hall para darlle o seu último adeus á monarca.

-Na fin de semana do 17 e 18 de setembro chegarán a Londres decenas de líderes mundiais e membros da realeza para participar no funeral de Estado. 

19 DE SETEMBRO:

-Pola mañá, o féretro desprazarase en procesión os poucos metros entre Westminster Hall e a abadía de Westminster para a celebración do funeral de Estado á 11:00 da mañá, hora local (10:00 GMT).

-Ao termo das exequias, Isabel II trasladarase ao Arco de Wellington e de alí á capela de San Xurxo no castelo de Windsor, nos arredores de Londres, a través do camiño coñecido como Long Walk ("Longo Paseo"). Nese lugar terá lugar un último servizo relixioso antes de que lsabel II reciba sepultura.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade