Publicador de contidos
Publicador de contidos

Agromuralla desmárcase doutras organizacións agrarias e chama a bloquear A Coruña este xoves

Agromuralla desmárcase doutras organizacións agrarias e chama a bloquear A Coruña este xoves

Protestas en España na véspera da negociación dun plan de choque para o agro

G24.gal 14/02/2024 20:49 Última actualización 14/02/2024 21:18

O noveno día de protestas dos labregos deixouse notar en varias comunidades autónomas, desde Euskadi ata Murcia. 

Os agricultores que bloquearon a entrada ao porto de Motril guindaron tomates ante o cordón policial que lles impedía avanzar. Protestaban contra a importación de produtos extracomunitarios.

Pola tarde, os labregos levantaron as tractoradas que durante a mañá dificultaron o tránsito nos principais accesos a Sevilla e en numerosas estradas da comunidade autónoma.

Os labregos cataláns volveron levar as protestas á AP-7, nas inmediacións da fronteira de La Jonquera. Pero a primeira hora da tarde decidiron retirar os tractores ante a promesa do ministerio de que os vai recibir o 23 de febreiro.  

"A Generalitat e o Goberno central teñen que ser valentes e teñen que escoitar non só os intereses das grandes superficies, teñen que oír as demandas do agro", explicaba un dos participantes na mobilización.

En Murcia, centos de tractores rodearon a asemblea autonómica. Os agricultores chegaron a abanear o coche do presidente da Rexión de Murcia Fernando López Miras, que despois acabou reuníndose cunha representación dos manifestantes.

Fracasou o intento de bloquear o mercado grosista de Mercamadrid. Aos convocantes non lles deron permiso para facer a tractorada. A protesta quedou nunha vintena de persoas concentradas ás portas das instalacións.

"Teñen que darlle unha pensada á política agraria común. Creo que o Goberno ten marxe para actuar e pedimos a máxima flexibilidade posible da PAC en España", reclamaba un dos representantes sindicais.

As principais organizacións agrarias comezarán a negociar este xoves co ministerio o plan de choque sen desconvocar o calendario de mobilizacións que as asociacións galegas adiaron ata pasadas as eleccións autonómicas. Desa convocatoria unitaria desmarcouse Agromuralla. Coincidindo coa reunión en Madrid, chama a bloquear os accesos á Coruña con tractores para despois manifestarse a pé ata a Delegación do Goberno en Galicia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade