Airus, o controlador aéreo de drons deseñado en Galicia
O software busca integrar os drons no tráfico áereo urbano de maneira segura
Foi creada na Coruña polo Instituto Tecnolóxico de Galicia e a empresa NTT Data
Algún día non tan lonxe, fóra das películas e as simulacións, aerotaxis e drons transportarán xente e mercadorías sobre o ceo das cidades. Para que ese tráfico sexa seguro, fluído e rendible naceu a plataforma galega Airus.
"Permite integrar un grande número de voos nun espazo aéreo especialmente conxestionado, e faino de xeito seguro e eficiente. Eficiente para que as empresas que presten servizos con drons obteñan unha rendibilidade", explica Analía López Fidalgo, a directora de UAV no Instituto Tecnolóxico de Galicia.
O ano que vén entra en vigor a primeira regulación para este sector. Airus está pensada para ser a ferramenta que integre os drons no ceo de xeito seguro, tal e como fan os controladores aéreos, seguindo os plans de voo de cada dron en tempo real.
"Esa tecnoloxía ten un potencial enorme a nivel mundial e por iso é importante adiantarse e traballar con antelación ante o que vai vir", di Alberto Borrego, director de NTT Data en Galicia.
"É un avance máis dentro do Polo aeropespacial de Galicia, seguiremos traballando neste tipo de desenvolvementos para posicionarnos como referente", engade o conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde.
Nesa liña, a Xunta destinará catro millóns de euros para mellorar a conectividade 5G e a ciberseguridade nos vehículos aéreos non tripulados.