Albares convoca o embaixador arxentino en España tras os insultos de Milei á muller de Sánchez
Albares convoca o embaixador arxentino en España tras os insultos de Milei á muller de Sánchez
O ministro de Asuntos Exteriores asegura que "actuará en consecuencia" se o Goberno de Milei non pide desculpas tras acusar de "corrupta" a muller de Pedro Sánchez
O ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación José Manuel Albares convocou esta mañá na sede do Ministerio o embaixador da Arxentina en España, Roberto Bosch, para esixirlle que o mandatario do seu país Javier Milei exprese unhas "desculpas públicas" tras acusar de "corrupta" a muller do presidente do Goberno Pedro Sánchez.
Así o confirmou nunha entrevista en Cadena Ser, recollida por Europa Press. Albares urxe o presidente arxentino que pida perdón polo que considerou como un "ataque frontal" contra a presidencia española e unha "inxerencia flagrante" na política interna de España.
"Esta mesma mañá convoquei o embaixador da Arxentina (Javier Bosch) e voulle trasladar a esixencia de desculpas públicas por parte de Javier Milei".
Nas distintas entrevistas concedidas esta mañá a diferentes medios de comunicación, José Manuel Albares non aclarou se España romperá relacións coa Arxentina no caso de que Milei non se desculpe. En TVE sinalou que "actuarán en consecuencia" se non o fai e que "tomarán as medidas oportunas".
As declaracións do ministro de Asuntos Exteriores teñen lugar un día despois de que chamase a consultas sine die á embaixadora de España na Arxentina, o cal supón a retirada temporal da representante española do país latinoamericano.
Fíxoo despois de que Milei acusase de ser "corrupta" a muller do presidente do Goberno español Pedro Sánchez. Albares esixiu onte "desculpas" nunha declaración institucional desde o Complexo da Moncloa por parte do mandatario arxentino, e advertiu de que no caso de non se produciren, tomará "todas as medidas" que considere oportunas para defender a "soberanía e dignidade" españolas.
A confrontación entre os Gobernos de España e A Arxentina ten o seu berce cando o ministro de Transportes insinuou a comezos de mes que Milei consumía drogas, ao que o presidente arxentino respondeu atacando a Pedro Sánchez, acusándoo de "romper a unidade do Reino".