Publicador de contidos
Publicador de contidos

Albares tacha de "execrable" o vídeo de Israel contra España polo recoñecemento de Palestina

Albares tacha de "execrable" o vídeo de Israel contra España polo recoñecemento de Palestina

O Goberno de Netanyahu difunde unha gravación en X en que mestura o baile flamenco con imaxes de terroristas e a mensaxe "Pedro Sánchez, Hamas agradécelle os seus servizos"

O ministro de Exteriores insta a Israel a cumprir coa orde da Corte Internacional de parar os ataques en Rafah e tacha de "execrable e escandaloso" o vídeo

O ministro José Manuel Albares canda o primeiro ministro da Autoridade Palestina, Mohamed Mustafa en Bruxelas
G24.gal 26/05/2024 17:30 Última actualización 26/05/2024 20:45

O Goberno español responde con contundencia este domingo aos ataques que recibe do executivo de Israel despois de anunciar que o martes vai recoñecer de xeito oficial ao Estado palestino.

"Ninguén nos vai amedrentar" asegura o ministro de Exteriores, José Manuel Albares, tras rematar unha xuntanza en Bruxelas co primeiro ministro da Autoridade Palestina, Mohamed Mustafa.

Así se pronunciaba o responsable español da diplomacia tras a difusión en X dun vídeo por parte do seu homólogo israelí, en que mesturan imaxes de bailadores flamencos con outras de asasinatos terroristas de Hamas e a mensaxe: “Pedro Sánchez, Hamas agradéceche os teus servizos”. A diplomacia de Israel difundiu vídeos similares dedicados aos outros dous países europeos que anunciaron o recoñecemento de Palestina para este martes: Irlanda e Noruega.

Son o último movemento desde Xerusalén contra os pasos da diplomacia dos tres países europeos.

O ministro de Exteriores, José Manuel Albares, considerou este domingo "escandaloso e execrable" o vídeo publicado polo seu homólogo israelí no que reprocha a España o seu inminente recoñecemento do Estado palestino e usa de forma "ferinte" o flamenco.

"O vídeo paréceme escandaloso e execrable. É escandaloso porque é de todo o mundo coñecido, especialmente do meu colega israelí, que o Goberno de España condenou o terrorismo de Hamas desde o primeiro momento e en todas as súas accións", afirmou Albares nunha rolda de prensa en Bruxelas xunto ao primeiro ministro palestino, Mohamad Mustafa.

Israel reprochou de novo este domingo a política de España co recoñecemento do Estado palestino, cun vídeo publicado este domingo na conta de X do ministro israelí de Exteriores, Israel Katz, acompañado cunha mención ao presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e a mensaxe "Hamas agradécelle o seu servizo".

"Díxeno moitas veces e hoxe vólvoo a reiterar aquí, o pobo de Israel é un pobo amigo do pobo español, e Israel, por suposto, ten dereito a ter o seu Estado", sinalou o xefe da diplomacia española na súa comparecencia ante a prensa na sede da representación permanente de España ante a Unión Europea (UE), tras reunirse con Mustafa.

Albares non aclarou se, en protesta por ese vídeo no que o Goberno de Benjamin Netanyahu acusa a Pedro Sánchez de traballar para terroristas, vai chamar a consultas ao embaixador español en Israel, como si fixo coa representante en Arxentina despois de que o presidente arxentino, Javier Milei, chamase “corrupta” a Begoña Gómez, esposa de Sánchez.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade