Publicador de contidos
Publicador de contidos

Alberto Núñez Feijóo non logra o apoio do Congreso para ser elixido presidente

Alberto Núñez Feijóo non logra o apoio do Congreso para ser elixido presidente

Dentro de 48 horas someterase a unha segunda votación en que precisaría de maioría simple, coa que tampouco conta o candidato do Partido Popular

Feijóo sinala a Sánchez polo seu silencio: "Quen cala outorga"

Núñez Feijóo, aplaudido polo seu grupo tras a votación (EFE/Juan Carlos Hidalgo)
G24.gal 27/09/2023 11:50 Última actualización 27/09/2023 14:58

O líder do Partido Popular, e candidato á investidura, Alberto Núñez Feijóo non logrou os votos suficientes para ser elixido presidente do Goberno, tras obter 172 votos favorables fronte aos 178 en contra, e por debaixo dos 176 apoios que se requirían para ser elixido nesta primeira votación.

O líder do PP e candidato proposto polo rei recibiu os 137 apoios afirmativos do seu partido, os 33 apoios de Vox e o voto afirmativo do deputado de UPN e da deputada de Coalición Canaria, mentres que o PSOE, Sumar, ERC, JxCAT, Bildu, PNV e BNG uniron os seus votos en contra de Feijóo.

Tras esta votación, que se celebrou por chamamento a cada deputado, ábrese un prazo de 48 horas para unha segunda que terá lugar o venres e na que Feijóo necesitaría só unha maioría simple para ser investido, isto é, máis votos a favor que en contra para ser investido.

Con todo, todo indica que o presidente do PP tampouco terá apoios suficientes e o resultado final volverá repetirse.

A presidenta do Congreso, Francina Armengol, convocou a nova sesión do pleno para este venres, 29 de setembro, ás 12:15 horas, de modo que a votación non se celebrará antes das 13:22 horas, polo menos 48 horas despois da primeira celebrada este mércores.

Segundo establece o Regulamento do Congreso, antes desa segunda votación Feijóo poderá intervir por un tempo máximo de dez minutos e os grupos parlamentarios poderán fixar a súa posición por un tempo de cinco minutos cada un. 

Feijóo tras a votación: España pode estar tranquila, imos seguir traballando por ela

Tras non obter o apoio do Congreso nesta primeira votación Núñez Feijó dixo que está claro que fixeron "todo o posible" e asegurou que España pode sentirse tranquila porque "van seguir traballando por ela".

"O venres temos que volver votar, e despois veremos as votacións e teremos que seguir traballando polo noso país", indicou o líder do PP, para quen a investidura serviu para acreditar quen gañou as eleccións e quen quedou a catro votos da maioría absoluta.

Á pregunta de se estaba satisfeito contestou que si. "Non podo estar máis, asegúrollo, sinceramente", concluíu.

Reaccións de PSOE, Sumar e Vox

En declaracións á prensa tras a votación, o portavoz do PSOE, Patxi López, sinalou que o debate de investidura pareceulle "a segunda parte do mitin do domingo" do PP, pero con Feijóo ademais dedicado "a insultar a todo o mundo que non lle apoia", despois precisamente de facer el unha chamada ao diálogo.

Desde Sumar, a súa voceira parlamentaria, Marta Lois, celebrou que se acabe "o ciclo" de Feijóo e de falar dos problemas internos do PP, do que dixo que está "acantoado" por Vox, e urxiu a empezar canto antes a armar un goberno de coalición progresista para abordar "os problemas reais da xente".

A portavoz de Vox no Congreso, Pepa Millán, confiou en que o debate de investidura de Alberto Núñez Feijóo sexa o "precedente" para levar a cabo medidas conxuntas alí onde gobernan co PP e colaborar para reverter cada paso de Pedro Sánchez e os independentistas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade