Alertan da alta presenza de carrachas nas zonas periurbanas de Lugo
O número de ingresos no HULA a causa da enfermidade de Lyme quintuplicouse en 2022
As carrachas teñen unha alta presenza en Lugo, en particular nos arredores da cidade. Así o revela un estudo realizado polo Grupo de Investigación de Sanidade Animal de Galicia, que alerta do conseguinte risco de picada e de transmisión de bacterias que poden provocar diversas doenzas.
Unha das máis perigosas é a enfermidade de Lyme, que en 2022 provocou cinco veces máis ingresos no HULA que nos anos anteriores.
Patrocinio Morrondo, catedrática de Sanidade Animal da USC: "Á vez que se alimenta, a través do seu aparato bucal vai introducindo os distintos patóxenos. Por iso é moi importante, tras pasear polo campo, revisar a roupa e mais o corpo".
Os investigadores detectaron en oito zonas de Lugo máis de 300 carrachas, o 95 por cento delas nos parques periurbanos. Recomendan, por tanto, cubrir as extremidades cando se pasee por eles e procurar manter a herba baixa nos lugares de paso.
Patrocinio Morrondo, catedrática de Sanidade Animal da USC: "Sobre todo en primavera é cando hai maior risco de transmisión, polo que cómpre manter a vexetación baixa nas zonas de paso, ademais ir cubertos, ao saír ao campo, de roupa clara".
En relación con este estudo, os autores buscan agora fondos para investigar sobre a presenza de carrachas no Camiño de Santiago.