Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rueda, sobre contratos da Xunta: "Aquí non houbo Koldos nin Aldamas como no Goberno"

Rueda, sobre contratos da Xunta: "Aquí non houbo Koldos nin Aldamas como no Goberno"

O presidente da Xunta defende o sistema elixido para a construción do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo

Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro insistiron en sinalar a contratación por parte a Xunta con empresas vinculadas ao PP e os seus familiares

Alfonso Rueda, presidente da Xunta (EFE/Lavandeira jr)
G24.gal 29/11/2024 10:11 Última actualización 29/11/2024 14:59

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou que toda a contratación do Goberno galego faise e fíxose cumprindo "escrupulosamente" a lexislación polo que en Galicia "non houbo Koldos nin Aldamas, iso sucedeu no Goberno de España, aquí non temos nada de que avergoñarnos", afirmou.

Na súa comparecencia ante a comisión de investigación sobre a contratación da Xunta nos últimos anos, criticou a actitude da oposición con este órgano parlamentario e advertiulles que non acode para ser "cómplice" de trasladar "políticas tóxicas" ao Parlamento galego.

"Non estou aquí para participar nunha comisión de difamación, nin para trasladar recados a xente que non está aquí (en alusión a Núñez Feijóo), nin para facer ruído aquí e que non se fale do ruído de fóra, nin que se me use de xustificación a críticas internas por citas congresuais", engadiu, tras defender a construción do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo polo modelo concesional, "da única maneira que podía ser".

O líder do PSdeG, José Ramón Besteiro, na súa intervención sinalou a Rueda pola "existencia de empresas que dispararon os seus beneficios de maneira estratosférica que manteñen un vínculo común: entre os seus directivos hai familiares do Partido Popular e de altos cargos do Goberno".

"Non hai maneira de que vostede convenza a ninguén de que pagar 470 millóns de máis foi unha decisión fantástica", dille Besteiro a Rueda.

Pola súa parte, a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, aseguraba, mentres lanzaba dez preguntas ao presidente da Xunta que "temos indicios claros que apunta a que vostedes levan 15 anos utilizando os cartos que saen dos impostos dos galegos e as galegas para favorecer a empresas de familiares do Partido Popular".

E tras a primeira quenda de resposta por parte de Rueda, Pontón díxolle que non contestaba as preguntas que lle fixo "e é evidente que vostede non responde porque é inexplicable como se están concentrando contratos a dedo en empresas vinculadas ao PP".

Alfonso Rueda defendeu en todo momento que respondía desde a "suxeición legalidade" e apoiado nos informes técnicos, o que confronta coa "procesión dos caladiños" dos grupos da oposición fronte a outros escándalos.

E concluíu dicíndolle a Besteiro que declaracións feitas nesta comisión de investigación desmenten as súas afirmacións sobre o hospital de Vigo e á Pontón que "reflexione máis sobre as acusacións que fai sobre familiares".

Antes da quenda do presidente da Xunta, o primeiro comparecente deste venres foi Manuel Pillado, secretario xeral da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia.

Pola tarde compareceu na comisión de investigación a que fora conselleira de Sanidade entre os anos 2009 e 2011. Pilar Farjas dixo que era urxente e imprescindible construír un novo hospital en Vigo e apuntou que se fixo a través do único mecanismo posible naqueles momentos de crise económica, unha concesión público-privada.

A oposición lembroulle que o informe do Consello de Contas subliña que non se avaliaron as posibles alternativas e que xeraron un sobrecusto de 470 millóns de euros. Pilar Farjas asegurou que ese infome parte dunha análise ficticia .

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade