Publicador de contidos
Publicador de contidos

Alivio no PP á espera do congreso

Alivio no PP á espera do congreso

Os deputados rebeldes celebran que se atenda a voz dos afiliados

A nova coordinadora xeral: "estaremos á altura das circunstancias"

Antón Montero 24/02/2022 20:05

Fai xusto unha semana, Isabel Díaz Ayuso e Teodoro García Egea cruzaban as acusacións máis duras que se lembran entre dous altos cargos populares. Aquel pulso acabou coa saída do secretario xeral e co compromiso de Pablo Casado de seguir o mesmo camiño en pouco máis dun mes.

O aínda líder do PP arrincou dos baróns territoriais a saída digna que buscaba. Juanma Moreno, presidente do Partido Popular de Andalucía, defendeu que "Pablo Casado entrou nun congreso e por unhas primarias e por tanto correspóndelle saír nun congreso".

Ese congreso será na primeira semana de abril. A convocatoria oficial farase durante a Xunta Directiva Nacional do vindeiro martes. É o día en que todas as olladas estarán sobre o presidente galego. 

Carlos Iturgaiz, presidente do Partido Popular de Euskadi, cre que "empeza unha nova etapa de ilusión e fortaleza do Partido Popular se Alberto Núñez Feijóo decide dar o paso".

Nos corredores do Congreso palpábase este xoves o alivio, sobre todo entre os que encabezaron a rebelión interna. Ana Vázquez felicitábase porque "se deron os pasos que pediamos os afiliados".

A tamén deputada Elvira Rodríguez explicou que "seguimos dando pasos con orde e de acordo co regulamento".

Alivio tamén o da nova coordinadora xeral do partido. Cuca Gamarra asegurou que "non imos defraudar nin os votantes nin os militantes nin os españois. Estaremos á altura das circunstancias todo o Partido Popular".

Gamarra non desvelou se será ela quen ocupe o lugar de Casado no pleno extraordinario sobre Ucraína do vindeiro mercores e nas 4 sesións de control ao Goberno que quedan ata o congreso.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade