Publicador de contidos

Publicador de contidos

Altri di que a declaración da Xunta lle permite mirar cara a adiante e supón un avance para conseguir os fondos europeos

Altri di que a declaración da Xunta lle permite mirar cara a adiante e supón un avance para conseguir os fondos europeos

Rueda pide respecto para os técnicos e insta o Goberno a "mover ficha" 

Pontón di que o BNG dará a "batalla política, social e, se fai falta, legal" contra este proxecto, e o PSdeG alerta sobre a tramitación "exprés" da declaración ambiental 

Ulloa Viva convoca mobilizacións para este domingo e avanza: "Este proxecto ímolo parar pola vía administrativa ou xudicial, porque non queremos este nivel de contaminación á beira dos nosos fillos e fillas"

G24.gal 14/03/2025 12:17

Greenfiber, filial da multinacional portuguesa Altri, afirmou este venres que a declaración de impacto ambiental outorgada pola Xunta de Galicia ao seu proxecto de crear unha fábrica de celulosa e fibras téxtiles en Palas do Rei (Lugo) confirma que cumpre con todas as esixencias ambientais da Unión Europea (UE) e encarreira a consecución dos 250 millóns de euros de fondos europeos que solicita para a posta en marcha da súa factoría.

O CEO da pasteira portuguesa, José Pina, subliña que superar o trámite autonómico supón un avance para lograr os fondos comunitarios. "O Goberno de España xa trasladou que non terán problema para acceder a estes fondos europeos aqueles proxectos que cumpran rigorosamente cos requisitos en materia ambiental. Nese sentido, nós estamos tranquilos".

Pina cre que o aval da Xunta permite mirar cara a adiante e amosa a disposición da empresa para ir mais alá e introducir melloras para cumprir cos condicionantes do Goberno galego. Compromete un investimento de 1.000 millóns de euros e a creación de 2.500 postos de traballo, dos que 500 serán empregos directos. Afirma que a factoría xerará un impacto económico de case 9.000 millóns nos próximos 20 anos.

O alcalde de Palas asegura que o proxecto terá o apoio total do goberno local

O alcalde de Palas de Rei (Lugo), o popular Pablo Taboada, ratificou este venres que, tras a autorización ambiental favorable por parte da Xunta, o proxecto terá o apoio total do goberno local, na liña do que sempre se dixo.

"Sempre dixemos que se tiña o aval dos funcionarios, dos técnicos, tería o noso apoio a matar", manifestou o rexedor. E lembrou que, no seu día, se aprobou un acordo unánime do pleno (a corporación está conformada por 9 edís do PP e 3 do PSdeG) neste sentido.

O rexedor destaca que, aínda que poder haber contestación social por parte dalgúns cidadáns, tamén hai veciños que apoian o proxecto e que algúns máis ben chamaban para saber como ían as cousas, e esperanzados.

Rueda pide respecto para os técnicos e insta o Goberno a mover ficha

O presidente da Xunta Alfonso Rueda volveu pedir respecto para os técnicos que emitiron os informes favorables á declaración de impacto ambiental e advirte que a DIA favorable non é, nin moito menos, unha folla en branco; polo tanto, a Xunta estará vixiante para que a empresa cumpra cunha serie de condicións esixidas.

Rueda pídelle ao Goberno que actúe:  "Tócalle agora ao Goberno central mover ficha, con respecto ao financiamento e á conexión eléctrica necesaria", sinalou.

O titular do Goberno galego asegura que a Xunta está estudando recorrer contra a sentenza do TSXG que anulaba parcialmente un decreto da Xunta por entender que supoñía unha privatización parcial dos procedementos de avaliación ambiental. Incidiu en que a DIA da planta de Palas a deron técnicos da Xunta.

Pontón comprométese a dar unha batalla política, social e legal contra unha agresión sen precedentes, similar á do Prestige

A líder do BNG, Ana Pontón, comprometeuse a dar unha batalla política, social e, se fai falta, legal contra o proxecto, que é unha agresión sen precedentes, moi similar á que puido ser no seu momento, desde o punto de vista medioambiental, a do Prestige.

A xuízo da voceira do Bloque: "Estamos ante unha bomba ambiental". Considera que o visto e prace da Xunta consuma "a traizón do señor Rueda a Galicia".

Pontón pídelle ao Goberno central que sexa claro e rotundo e negue a asignación de fondos europeos a unha empresa contaminante: "Unha celulosa que non queren en Portugal e que por iso colocan en Galicia".

Besteiro amosa a súa sorpresa ante a rapidez coa que a Xunta tramitou a declaración de impacto ambiental

O secretario xeral do PSdeG José Ramón Gómez Besteiro amosou este venres a súa preocupación ante a actuación do Goberno galego, que deu luz verde á resolución ambiental para Altri con opacidade e mediante unha “tramitación exprés”.

Nun comunicado insistiu en que a Xunta segue sen ofrecer respostas claras sobre o impacto real da iniciativa.

Besteiro amosou a súa sorpresa ante a rapidez coa que a Xunta de Galicia tramitou os informes ambientais necesarios para este proxecto: “Unha celeridade non usual en comparación con outros proxectos industriais en Galicia”.

Ulloa Viva chama á mobilización social este domingo e avanza: "Este proxecto ímolo parar pola vía administrativa ou xudicial"

A Plataforma Ulloa Viva fixo un chamamento a todos os veciños e veciñas da contorna do río Ulla a saír este domingo, ás 12:00 horas, ás prazas dos seus lugares para "berrar alto e claro Altri Non!", despois de que a Xunta publicase este venres no DOG a concesión do permiso ambiental para que a multinacional lusa poida continuar co procedemento para a instalación do proxecto de Palas de Rei.

Ademais, a Plataforma avanzou que exercerá todas as medidas administrativas e xudiciais en contra das resolucións que poidan autorizar o proxecto de Altri: "Este proxecto ímolo parar pola vía administrativa ou xudicial, porque non queremos este nivel de contaminación á beira dos nosos fillos e fillas".

Nun comunicado denuncian que as normas foron adecuándose para que o proxecto poida saír adiante: "O que ocorreu no ámbito administrativo é inadmisible, as normas foron adecuándose ao proxecto e garantindo que saíse adiante custe o que custe", criticou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade