Publicador de contidos

Publicador de contidos

Non todos os meles son iguais

Non todos os meles son iguais

Un mel galego, medalla de ouro á calidade nos Paris International Awards Honey 2025

O mel premiado, dunha explotación apícola da Ribeira Sacra
Félix Aragunde 14/03/2025 15:00

Mantén un fío continuo ao verterse, o que é indicativo de autenticidade. Trátase do mel producido por un apicultor no Saviñao, distinguido coa medalla de ouro á calidade nos premios internacionais de París, que figuran entre os máis prestixiosos do mundo. Por se fose pouco, é o único mel avalado con tres dos principais selos de calidade do noso país.

Toni Fernández, apicultor: "Cada un deles ten o seu cometido. Estamos na IXP Mel de Galicia, en Artesanía Alimentaria e en Galicia Calidade. E estar nos tres selos dá unha garantía".

Son selos que certifican que se trata de auténtico mel galego e que ademais é un produto artesán de calidade. É dicir, o contrario do que viña ocorrendo cos meles importados, que agora están obrigados a indicar no etiquetado a porcentaxe de cada país de procedencia.

Toni Fernández, apicultor: "Nas grandes áreas comerciais a maior parte dos meles estaban adulterados, o que supoñía enganar o consumidor, a quen animamos a saber o que hai".

Esta modificación da lei, destinada a protexer o sector fronte ás importacións, era unha vella revindicación dos apicultores.

Óscar Gómez, produtor de mel ecolóxico: "Así non se engana o consumidor. Se alguén quere comprar un mel que lkeve o 99 por cento do mel doutro país, sábeo. Se o quere comprar, está no seu dereito, e cadaquén vela polo seu interese".

Outra novidade é que deixa de existir a categoría de mel filtrado. De retirárselle unha parte importante de pole, reservarase para o uso industrial e non poderá venderse directamente ao consumidor. Trátase así de garantir a trazabilidade do produto, algo que no caso do Mel de Galicia ou do ecolóxico non é preciso, posto que o selo xa certifica a procedencia do noso país.

Óscar Gómez, produtor de mel ecolóxico: "Se compra un produto que teña tanto o selo do Mel de Galicia como o do CRAEGA, como é o meu caso, que estou en apicultura ecolóxica, cadaquen ten que valorar o tipo de produto que está comprando e a calidade que compra, sen enganos".

Un produto, o mel, que está recomendado para todo o mundo, salvo en caso de diabetes, debido ás súas propiedades inmunolóxicas.

Ricardo Estévez, nutricionista: "É bo sobre todo polos micronutrientes que ten. É bastante rico en minerais, en antioxidantes e en moléculas que poden resultar tanto antimicrobianas como antiinflamatorias. Ten restos de pole, ao vir menos filtrado".

Iso si, cómpre que o produto consumido sexa auténtico e non unha mestura con xarope, algo que garanten selos coma o do CRAEGA ou a da IXP Mel de Galicia.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade