Ademais da procedencia, o mel deberá indicar a porcentaxe correspondente a cada país de orixe
O Consello de Ministros aproba unha modificación da lei co obxectivo de protexer a produción do sector fronte os meles importados
Acabouse de coñecer en que proporción o mel mesturado procede dun país ou doutro. A partir de agora, no etiquetado deberá figurar a porcentaxe exacta correspondente a cada un deles. Esta modificación da lei, destinada a protexer o sector fronte ás importacións, era unha vella reivindicación dos apicultores.
Óscar Gómez, produtor de mel ecolóxico: "Pois así non se engana o consumidor. Se alguén quere comprar un mel co 99 por cento do produto procedente douro país, sábeo. Non é enganado, e se o quere comprar, está no seu dereito".
Outra novidade é que deixa de existir a categoría de mel filtrado. De retirárselle unha parte importante de pole, reservarase para o uso industrial e non poderá venderse directamente ao consumidor. Trátase así de garantir a trazabilidade do produto, algo que no caso do Mel de Galicia ou do ecolóxico non é preciso, posto que o selo xa certifica a procedencia do noso país.
Óscar Gómez, produtor de mel ecolóxico: "Se se compra un produto amparado polo Consello Regulador Mel de Galicia ou co selo do CRAEGA, coma no meu caso, cadaquén ten que valorar o tipo de produto que está adquirindo e a súa calidade".
Estímase que en Galicia hai unhas unhas 200.000 colmeas duns 4.500 apicultores, unha cantidade que no ámbito estatal se achega aos 3 millóns de explotacións apícolas.