Publicador de contidos

Publicador de contidos

A humidade e o frío ralentizan a campaña de horta de primavera

A humidade e o frío ralentizan a campaña de horta de primavera

Haberá que atrasar plantacións fóra ata que sequen as leiras, e nos invernadoiros falta temperatura para que medren ben os cultivos

Parcela anegada en Cambados
G24.gal 14/03/2025 14:52

En marzo tocaría preparar a campaña de horta de primavera e verán, pero algúns xa temen que arranque con atraso. No Salnés aínda son moitas as leiras con exceso de auga, e haberá que agardar que veñan 10 ou 15 días secos para que a terra colla tempero.

Stefan, un agricultor de Cambados, tivo que facer drenaxes para evacuar a auga nalgunhas parcelas. Di que vén sendo algo habitual nos últimos anos. "Este ano terei que agardar o 15 de maio para plantar, cando hai tres anos plantaba a primeiros de abril. E se non tivera a drenaxe, non entraba nin en xuño", afirma.

Preocupa o exceso de auga na terra para as plantacións de exterior, e a cousa tampouco vai ben baixo plástico. Nos invernadoiros xa medran os pementos deste ano, pero moito máis amodo que o anterior. "O ano pasado por este tempo vías flor, que agora non a ves, está pechada" explica Lola no seu invernadoiro en Cambados. "Como non hai sol, está anubrado, o pemento non evoluciona o que ten que evolucionar", di. 

Da mesma opinión é Fina, tamén produtora de pementos. Tivo que atrasar cousa dun mes a plantación pola humidade da terra, e agora segue acumulando atrasos polo frío que vai. "O ano pasado empecei a producir a principios de abril, este a ver se veñen para maio -di-, levan un mes de atraso, así que a produción vaise notar".

E teme que, amais do atraso, a terra tan húmida poida darlle problemas de enraizamento ou podremias á planta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar