Auxe das hortas urbanas, espazo verde e traballo manual
Auxe das hortas urbanas, espazo verde e traballo manual
Cidades como Santiago multiplicaron por dez nos últimos anos o espazo de cultivos en terreo público
As parcelas están nos parques e adxudícanse por varios anos aos cidadáns
É tempo de poñer a horta, dos sementeiros das leitugas, da remolacha de mesa, de plantar os tomates ou de ir preparando as estacas para as fabas. Son actividades que se relacionan coa vida rural, pero que xa forman parte da rutina de moitos habitantes da cidade, porque cada vez hai máis que cultivan os seus propios produtos nas hortas urbanas municipais.
A zona do Campo da Hortas é hoxe unha da das áreas de Santiago de Compostela onde hai parcelas para os veciños que queiran cultivar. Está moi preto do que na Idade Media era a porta da Trindade da cidade, precisamente a porta pola que entraban na zona amurallada os produtos hortofrutícolas.
Foi precisamente en Santiago onde naceron as hortas urbanas en Galicia, unha iniciativa que nese momento era pioneira na Península Ibérica, aínda que o fenómeno das hortas urbanas xa era habitual noutras cidades europeas.
Dezaseis anos despois esa iniciativa demostrou o seu éxito. Desde os primeiros proxectos de hortas urbanas na zona de Belvís, en 2008, o número de metros cadrados cultivados en terreo público multiplicouse por dez.
Agora mesmo o Concello ofrece case 300 parcelas para a adxudicación e hai unha longa listaxe de agarda. A zona das Brañas do Sar foi unha das ampliacións mais recentes e sumou 54 parcelas de 40 metros cadrados.
"Temos xente maior que normalmente sabe cultivar a horta e xente nova que normalmente non ten coñecemento, así que hai un intercambio cultural que se está a facer moi interesante", explica Irene López, encargada da xestión das hortas urbanas de Santiago.
As hortas adxudícanse por varios anos nunha convocatoria pública e están nos parques da cidade. Algúns dos que estaban menos concorridos, recobran vida, sobre todo nesta época de sementar. Cadran horticultores e paseantes e acaban por crear un lugar de convivencia e conversa.
"As hortas están en zonas verdes. Son xardíns de Santiago, co cal pódese pasar e mirar. Moita xente prefire pasear por aquí que pola alameda. Xa non é que o digamos nós, é que o di a OMS. A Organizacion Mundial da Saúde recomenda que haxa 10-15 metros cadrados verdes por habitante. Aquí, en Santiago, temos o dobre", engade Irene.
Espazo verde, traballo manual. É un remanso analóxico no medio das présas do tráfico, do traballo e dos recados. Un espazo para o que miran, cada vez máis, os galegos das cidades.