Axentes de Emerxencias liberan tres serpes atrapadas na rede dunha horta de Vilagarcía
Axentes de Emerxencias liberan tres serpes atrapadas na rede dunha horta de Vilagarcía
Son exemplares dunha especie autóctona que miden ata metro e medio de lonxitude
A moita xente danlles arrepío, aínda que non son son velenosas
Os axentes do Servizo de Emerxencias de Vilagarcía están afeitos ao rescate de animais silvestres, pero o deste luns foi especialmente traballoso. Chamáronos para liberar tres serpes que quedaran enredadas na rede dunha horta. O veciño que as atopou pediu a colaboración do servizo para poder poñer a salvo os animais. En vista do enleadas que estaban, os axentes optaron por levalas da horta con rede e todo para completar o traballo na base.
Conseguiron finalmente liberalas da rede, aínda que un dos exemplares xa morrera, segundo confirma Xefe do Servizo Municipal de Emerxencias de Vilagarcía, Francisco Javier Guillán Bustos. Di que esta é a terceira intervención que fan esta temporada para retirar serpes deste tipo de zonas habitadas.
"A xente chama con medo porque impoñen bastante porque son bastante grandes, miden ata metro e medio, pero é unha especie autóctona que é inofensiva".
O aumento de terreos abandonados no medio de areas poboadas fai que cada vez sexa máis habitual que estes e outros animais silvestres se acheguen ás vivendas.