Collen por azar catro cabazas xigantes nunha parroquia de Taboada
Collen por azar catro cabazas xigantes nunha parroquia de Taboada
A de maior tamaño pesa cen quilos, o que causou o pasmo dos donos e da veciñanza
No lugar de Ouriz, na parroquia taboadesa de Cicillón, causou un grande asombro o tamaño que acadaron catro cabazas xigantes. Todas saíron dunha mesma planta, e a maior destas pepónides mesmo superou os cen quilos de peso.
O máis curioso destas cabazas, segundo sinalan os seus donos, é que nin sequera as sementaron aquí no lugar onde naceron. Din que saíron en primavera e non foi ata hai unhas semanas, xa no outono, cando comezaron a coller un tamaño considerable.
"Sen fertilizante e sen nada. Naceron aquí porque lles tiramos ás ovellas algúns cabazos que podreceran, que aquí nunca os botamos porque invaden todo. Saíron para fóra, por riba do pozo e por todos os lados", explica Luis Gómez Lamela, dono das cabazas.
Ao contrario ca outros cultivos da zona, que quedaron bastante estragados este ano, a cucurbitácea que naceu por casualidade si logrou librarse do mildio.
Dado o enorme abraio que os seus froitos causaron entre a veciñanza, non deixan de pedirlles aos donos das cabazas que lles garden algunhas sementes.
"Todos os veciños que pasan por aquí paran para que lles gardemos as sementes das cabazas. Moitos paran cos coches, pregúntannos se son nosas e piden que lles reservemos unhas sementes. Pero todas non van nacer iguais. É normal", conta Luis Gómez.
Agora, o destino destes froitos do capricho da natureza vai ser a maseira dos cochos. E, posto que as cabazas pesan, literalmente, un quintal, será preciso partilas á metade para llelas poder levar.