Alxeria ameaza con cortar o gas a España se despois se lle vende a Marrocos
Alxeria ameaza con cortar o gas a España se despois se lle vende a Marrocos
O Goberno xa negou que vaia vender o gas Alxeriano a Marrocos
España poderá facilitarlle gas doutros países
Alxeria ameaza con rescindir o contrato de subministración de gas a España se despois o noso país vende ese mesmo gas a Marrocos.
O ministro de Enerxía e minas alxeriano di: "As cantidades de gas natural alxeriano entregadas a España cuxo destino sexa diferente ao previsto nos contratos terán a consideración de violación dos compromisos contractuais, e por tanto, iso podería dar lugar ao incumprimento do contrato que vincula a Sonatrach cos seus clientes españois".
Mohamed Arkab asegurou que a súa homóloga Teresa Ribera o informou "da decisión de España de autorizar a explotación, en fluxo inverso, do Gasoduto Magreb Europa (GME)". É dicir: que España usaría o gasoduto polo que recibe o gas alxeriano para enviarlle unha parte a Marrocos.
España negou este mércores que vaia vender gas natural procedente de Alxeria a Marrocos. Segundo fontes do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, España limitouse a responder á petición de apoio expresada polo seu socio Marrocos para garantir a súa seguridade enerxética sobre a base das relacións comerciais entre ambos os países.
Con este acordo, Marrocos poderá adquirir gas natural licuado nos mercados internacionais, desembarcalo nalgunha planta de regasificación peninsular e utilizar o gasoduto do Magreb para que chegue ao seu territorio, pero o gas vendido en ningún caso terá procedencia alxeriana.
Ademais, as mesmas fontes explicaron que a activación deste mecanismo conta "con total transparencia", foi tratada con Alxeria durante os últimos meses e comunicouse este mesmo mércores ao Goberno alxeriano.
Alxeria é o principal provedor de gas a España, unha enerxía fundamental nun momento en que a crise pola invasión rusa de Ucraína levou a Unión Europea (UE) a suspender as súas compras de gas ruso.