Publicador de contidos
Publicador de contidos

Alxeria suspende o tratado de amizade con España

Alxeria suspende o tratado de amizade con España

O tratado fora asinado no ano 2002

Alxeria considera "inxustificable" o cambio de posición de España na proposta marroquí de autonomía

España lamenta a decisión de Alxeria de suspender o tratado

Sánchez defende que a proposta de Marrocos para o Sáhara é "a máis seria e crible"

G24.gal 08/06/2022 17:50 Última actualización 08/06/2022 20:39

Alxeria suspendeu este mércores e "de inmediato" o Tratado de Amizade, Boa Veciñanza e Cooperación con España, asinado o 8 de outubro de 2002, pola súa "inxustificable" posición sobre o Sáhara Occidental, anunciou a presidencia da República.

"As autoridades españolas emprenderon unha campaña para xustificar a posición que adoptaron sobre o Sáhara Occidental, unha violación das súas obrigas legais, morais e políticas como poder administrador do territorio que pesan sobre o Reino de España", declarou a mesma fonte.

Alxeria considera "inxustificable" o cambio de posición de España que o 18 de marzo apoiou a proposta marroquí de autonomía sobre a excolonia española, fronte á súa tradicional posición de defender os acordos de Nacións Unidas para celebrar un referendo.

Alxeria considerou nun comunicado que a actitude de España é "contraria á legalidade internacional que lle impón a súa condición de potencia administradora e aos esforzos das Nacións Unidas e do novo enviado do Secretario Xeral e contribúen directamente á degradación da situación no Sáhara Occidental e na rexión".

Por iso, decidiu suspender o citado Tratado "que ata o de agora enmarcaba o desenvolvemento das relacións entre os dous países".

"O actual Goberno español deu todo o seu apoio á forma ilegal e ilexítima de autonomía interna preconizada pola potencia ocupante e traballou para promover un feito colonial consumado utilizando argumentos espurios", sinalou a fonte.

Alxer mostrouse "moi sorprendido" polo apoio de España ao proxecto de autonomía de Marrocos para o Sáhara, e en marzo retirou o seu embaixador en Madrid.

España lamenta a decisión de Alxeria pero non teme repercusións

O Goberno lamentou a decisión de Alxeria de suspender o Tratado de Amizade, Boa Veciñanza e Cooperación con España pero reafirmou o seu "compromiso pleno" co seu contido, especialmente no que incumbe ao respecto aos principios da Carta de Nacións Unidas e o Dereito Internacional.

Nun comunicado difundido esta tarde polo Ministerio de Asuntos Exteriores, o Executivo remarca que segue considerando a Alxeria "un país veciño e amigo", á vez que reitera "a súa plena dispoñibilidade para seguir mantendo e desenvolvendo as especiais relacións de cooperación entre os dous países, en beneficio de ambos".

Albares, que aínda non tivo contacto co embaixador de Alxeria en Madrid, dixo non temer repercusións tras o anuncio, dado que o goberno alxeriano demostrou ser un "socio fiable".

"O que buscamos, e polo que imos traballar todos os días, é manter con todos os nosos veciños o mesmo tipo de relación, e por tanto con Alxeria, co seu goberno, co pobo alxeriano, relacións sólidas, baseadas no respecto mutuo e no beneficio mutuo. Iso é o que queremos e esa é a vontade e, por tanto, reitero a nosa adhesión aos principios que rexen o tratado de amizade", concluíu. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade