Ameaza de atentado do Estado Islámico nos cuartos de final da Champions
Ameaza de atentado do Estado Islámico nos cuartos de final da Champions
Al Azaim fixo pública unha imaxe en que se ameaza os catro estados que acollerán os partidos deste martes e mércores
Interior fai un chamamento á tranquilidade e lembra que se reforzou a seguridade
Os corpos de seguridade que vixiarán os cuartos de final dos partidos que se xogan en Madrid teñen enriba da mesa unha ameaza do Estado Islámico contra os partidos de cuartos de final da Liga de Campións que se disputarán este martes e mércores. Dous dos obxectivos están en Madrid: no Santiago Bernabeu e no Metropolitano.
A Delegación do Goberno ten coñecemento da ameaza e será na xuntanza deste martes cando decidan se toman medidas extraordinarias en relación co aviso. O dispositivo destes días xa era especial pola celebración de dous partidos cun importante número de seareiros visitantes, como os do Manchester City e do Borussia de Dortmund. Madrid xa ten experiencia neste tipo de eventos porque non é a primeira vez que coinciden como locais os partidos do Real Madrid e do Atlético en datas tan próximas.
O Estado Islámico difundiu un cartel en que ameaza os estadios de Londres, París e Madrid. Desde hai tempo teñen no seu punto de mira o que coñecen como "obxectivos brandos" como son os grandes eventos deportivos.
Interior chama á tranquilidade
O Ministerio do Interior fixo un chamamento á tranquilidade tras a ameaza xihadista contra os partidos de Liga de Campións, en tanto que os corpos policiais ten activados todos os seus sistemas de alerta e resposta.
Interior fai este chamamento tras a foto que apareceu en medios xihadistas co lema "Matalos a todos" e o nome dos catro estadios onde se xogan os cuartos de final da Copa de Europa.
Segundo fontes de Interior, as forzas e corpos de seguridade do Estado deseñaron unha despregadura operativa en que participan máis de 2.000 axentes de Policía Nacional e tamén de Garda Civil, aos que se sumarán os efectivos da Policía Municipal de Madrid, para "asegurar un correcto desenvolvemento dos dous eventos deportivos".
Esa despregadura -di Interior- "está coordinada e conta co apoio previsto nas medidas que, en todo o territorio do Estado, establece o Plan de Prevención, Protección e Resposta Antiterrorista para ao actual nivel 4 sobre 5 de alerta antiterrorista, ao que se engadiron ademais distintas ordes de reforzo para previr este tipo de continxencias".
Así mesmo, e en materia de prevención á ameaza terrorista, as forzas de seguridade do Estado teñen activados todos os seus sistemas de alerta e protección temperá, así como listos e dispostos todos os seus mecanismos de resposta, engade o departamento que dirixe Fernando Grande-Marlaska.