Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Real Madrid agarda unha carambola case imposible para entrar entre os oito primeiros da Champions

O Real Madrid agarda unha carambola case imposible para entrar entre os oito primeiros da Champions

O Barcelona ten garantida a súa presenza nos oitavos de final, e o Atlético depende del para logralo no campo do Salzburgo

G24.gal 29/01/2025 09:10

O treito decisivo da Liga de Campións queda configurado este mércores cando se completa a fase da liga coa oitava e derradeira xornada. Todos os partidos se van xogar á mesma hora (21:00) con case todo por decidir para establecer as eliminatorias. 

O Real Madrid non depende del. Está obrigado a gañar e incluso a golear e agardar os resultados de ata cinco encontros. O último campión de Europa visita o Brest á procura dunha carambola case imposible que lle permita rematar entre os oito primeiros clasificados para evitar unha eliminatoria previa aos oitavos de final. 

O Atlético, que gañou os catro últimos partidos da Champions, está clasificado entre os 16 primeiros pero ten a ambición de meterse entre os oito primeiros. Para iso ten que gañar no campo do Salzburgo. O Barcelona, pola súa parte, mide o seu gran momento de forma ante o Atalanta de Bérgamo. Cun triunfo aseguraría o segundo posto e un mellor rival para os oitavos de final e mesmo ten posibilidades de pelexar polo primeiro posto, que ocupa o Liverpool. 

O Xirona, xa sen ningunha posibilidade de superar a fase liga da Champions, pon fin á primeira e histórica aventura na máxima competición continental coa ilusión de despedirse cun triunfo ante un Arsenal que ten garantida a presenza entre os oito mellores. 

Será unha derradeira xornada de infarto, con moitos equipos como o Paris Saint Germain ou o Manchester City pendentes dun fío para non quedaren eliminados. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade