Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta reunirá esta semana o seu comité de expertos específico sobre plásticos

A Xunta reunirá esta semana o seu comité de expertos específico sobre plásticos

 O operativo da Xunta nesta xornada está composto por 469 persoas que están a actuar en 63 praias de 30 concellos 

Amais diso a Administración galega ten un dispositivo de dous helicópteros e 14 embarcacións

G24.gal 16/01/2024 11:13 Última actualización 16/01/2024 13:57

O Goberno galego reunirá antes de que acabe esta semana un comité de expertos "específico" sobre plásticos integrado por persoal das tres universidades galegas, organismos autonómicos, outros dependentes do Goberno e tamén de organizacións ecoloxistas.

A vicepresidenta segunda da Xunta e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez, explicou en conferencia de prensa que o obxectivo deste comité é avaliar as actuacións a curto, medio e longo prazo para previr o impacto dos plásticos no mar e nas costas.

Segundo a conselleira, o operativo da Xunta nesta xornada está a actuar en 63 praias de 30 concellos e ata o día de onte recuperou o equivalente a 99 sacos de pellets, 2.473 quilogramos, por 5.242 quilogramos doutros plásticos, "o dobre", sinalou.

Vázquez tamén explicou que fixeron inspeccións en 350 praias e detectaron granulados en 62.

Máis alá das propias praias, a Xunta dispón nestes momentos dun operativo con 2 helicópteros e 14 embarcacións. A vicepresidenta segunda da Xunta criticou que o Goberno central, pola súa parte, limite os seus medios a un avión, que este martes volveu a terra pouco despois de engalar debido ás condicións meteorolóxicas.

Tamén lamentou que a Xunta non fose convidada á reunión que mantivo o delegado do Goberno con Salvamento Marítimo para coordinar a súa actuación. "Aínda que un dispositivo dun só avión pouco ten que coordinar", di Vázquez.

Na súa intervención, indicou que espera pechar durante esta xornada o informe requirido pola Fiscalía, "que será máis amplo" e contará "a verdade, non opinións" sobre a vertedura e tamén insistiu en que os informes encargados pola Xunta revelan que os granulados "non son tóxicos nin perigosos" e que están compostos por poliuretano no seu maior parte e por aditivos que "cumpren a regulamentación". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade