Señarís: “Aforrámoslles aos centros loxísticos 2.000 millóns facendo a descarga”
O presidente da Fetram considera que a suba do combustible debería repercutir máis na sociedade
“Están derivándonos a responsabilidade da descarga tras conducir dez ou doce horas”
O Goberno central sentou a negociar co sector do transporte co obxectivo de frear a folga que ten convocada ás portas do Nadal. Polo momento, anunciou un paquete de medidas para a vindeira semana. O presidente da Federación Empresarial de Transportes de Mercadorías por Estrada de Galicia, Antonio, Señarís, asegura que a reivindicación máis importante do sector é a mellora das súas condicións laborais.
Nunha entrevista no espazo Bos Días, da Televisión de Galicia, di que na xuntanza do venres se avanzou nalgúns aspectos pero “aínda hai moito que negociar. Quedan trinta días, o tempo corre e o Nadal está aí”.
Segundo Señarís, o principal problema é “a descompetencia” que xera cargar e descargar. "Están derivándonos esa responsabilidade, que non é nosa. Terían que ter contratado persoal”, denuncia. Calcula que asumindo esa tarefa afórranlles aos grandes centros loxísticos 2.000 millóns de euros.
Dende o seu punto de vista, ese traballo non ten que facelo o transportista logo de conducir dez ou doce horas. Lembra que en Europa hai unha lei a este respecto e unha recomendación para que se implemente en España.
Sobre a suba do combustible, pensa que debería repercutir máis na sociedade e non na clientela porque “ten que asumir outros custos”. Do mesmo xeito, non vería mal que o consumidor final pagase unha taxa polo uso das autovías destinada á reforma das infraestruturas.